A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina 84.500 euros a financiar as actividades dos equipos de normalización e dinamización lingüística destes centros de ensino regrado non universitario
A contía máxima das subvencións por cada proxecto ascende a 2.500 euros, e os criterios establecidos para a fixación das axudas son fundamentalmente o número de alumnos do centro e a calidade da proposta presentada
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou as axudas para o financiamento de proxectos de fomento do uso do galego por parte dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso académico 2008-2009. A resolución na que se recollen todos os datos relativos a esta convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia o pasado 5 de xaneiro. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 5 de febreiro, inclusive.
Política Lingüística destina 84.500 euros ao financiamento destas iniciativas de promoción do uso do galego no ensino e a contía máxima que se outorgará por proxecto é de 2.500 euros. Para optar a estas axudas, os centros deberán cumprir unha serie de requisitos, como ter formalmente constituído o equipo de normalización e dinamización lingüística ou presentar proxectos que estean incluídos na programación anual de actividades aprobadas polos centros, entre outros.
Criterios de cualificación
Para a concesión das axudas teranse en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e o número de estudantes do centro. A calidade do proxecto terá un peso do 80% e quedaran desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A calidade será puntuada de 0 a 24 puntos, en función de criterios como a implicación activa dos membros da comunidade educativa no proxecto, a orixinalidade nas propostas, a potenciación das competencias lingüísticas activas sobre as pasivas, o emprego das novas tecnoloxías, a colaboración con outras institucións ou entidades externas ao centro no fomento da lingua galega e a realización de actividades plurianuais, entre outros aspectos.
O número de estudantes terá un peso do 20%. Concederáselle a cada centro 0,30 puntos por cada 50 estudantes, ata un máximo de 6 puntos.
Límites
O financiamento máximo que se outorgará para cada proxecto terá os seguintes límites: 2.500 euros para os centros con máis de 50 alumnos e máis de 20 puntos na calidade do proxecto, 600 euros para os centros que conten con entre 25 e 50 estudantes e 400 para os centros con menos de 25 alumnos. Esta contía en ningún caso poderá exceder o custo total do proxecto.
As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou aos rexistros oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Para a análise e cualificación dos proxectos constituirase en cada gabinete provincial de Política Lingüística unha comisión.
Fonte: Xunta de Galicia



