Noticias

Vicepresidencia impulsa un programa informático para evitar a linguaxe sexista na Administración
20 de enero de 2009

Vicepresidencia impulsa un programa informático para evitar a linguaxe sexista na Administración

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou en Santiago a nova aplicación informática para unha linguaxe non sexista no ámbito da Administración, coñecida como EXERIA. Segundo explicou Carme Adán, o obxectivo básico foi elaborar un dicionario/glosario lingüístico de linguaxe non sexista para facilitar a mellora no uso dunha linguaxe non discriminatoria, traballo que a Vicepresidencia da Xunta desenvolveu en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria.

Exeria é unha aplicación que facilita a revisión lingüística de textos e ofrece alternativas para un uso non sexista da linguaxe. Ademais, detecta unha serie de termos susceptibles dun uso sexista e propón diferentes suxestións e alternativas. O obxectivo principal é orientar na revisión da documentación para xerar discursos en que a linguaxe teña un carácter inclusivo.

A selección de termos está baseada nun uso actual da lingua apoiándose na análise de textos do ámbito da Administración. Unha das principais características desta nova ferramenta é partir dunha tecnoloxía aberta tanto no aspecto informático como lingüístico, o que achega un valor engadido. Esta aplicación intégrase no OpenOffice.org, para permitir a interacción da ferramenta na elaboración de documentos. Dentro da web do proxecto Exeria existe un buscador de termos que permite consultar as solucións ás dúbidas máis habituais.

Demostración práctica

No decurso da presentación fíxose unha demostración práctica do uso desta ferramenta. Así, explicouse que para cada palabra que se detecta incorrecta achéganse ata cinco alternativas de uso, sempre apostando pola palabra máis inclusiva, é dicir, que non ofrece discriminación por razón de sexo. Ademais, EXERIA alerta do resto das palabras da frase que sería preciso cambiar no caso de optar por unha das alternativas do buscador.

Tal como apuntou a secretaria xeral da Igualdade, a nova aplicación está xa operativa e será enviada de inmediato a toda a Administración galega para que poidan usala decontado. Trátase, segundo salientou Carme Adán, dunha ferramenta moi importante para apostar polo uso da linguaxe non sexista, xa que ata o de agora só había guías escritas, mentres que agora se dá un paso máis e se aposta polas novas tecnoloxías na busca da igualdade entre homes e mulleres.

A nova aplicación informática está xa dispoñible no enderezo electrónico http://www.exeria.net/, desde onde pode ser descargada por todas as persoas interesadas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder