Noticias

Aberta a inscrición para os exames do Celga, que inclúen por primeira vez unha convocatoria especial en América
16 de enero de 2009

Aberta a inscrición para os exames do Celga, que inclúen por primeira vez unha convocatoria especial en América

As probas para a obtención dos certificados acreditativos de lingua galega dos catros niveis existentes realizaranse en Galicia, no resto do Estado español e en Europa en maio e novembro, mentres que en América se farán en outubro

Preto de cincuenta cidades acollerán a realización dos exames, que se desenvolverán ao longo de 12 días

O prazo de inscrición xa está aberto e a lista provisional de admitidos e admitidas farase pública 30 días antes da data de realización das probas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou as probas que se realizarán este ano para a obtención dos Certificados de Lingua Galega (Celga) correspondentes aos catro niveis existentes. A resolución na que se inclúen as datas e os demais detalles dos exames fíxose pública o 15 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia. Unha das novidades desta edición é que, por primeira vez, se levará a cabo unha convocatoria especial e única para América, que terá lugar en outubro. En Galicia, no resto do Estado español e en Europa os exames faranse en maio e novembro.

Preto de cincuenta cidades acollerán a realización destas probas. En Galicia, desenvolveranse nas localidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. No resto do Estado español, os exames terán lugar en Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Salamanca, Vitoria e Alacante. As cidades europeas de Berlín, Heidelberg, Kiel, Trier, Tubinga, Helsinki, París, Budapest, Cork, Padua, Perugia, Roma, Varsovia, Cracovia, Braga, Faro, Lisboa, Bangor, Birmingham, Londres, Oxford, Stirling, San Petersburgo e Zadar tamén acollerán as probas para a obtención do Celga. En América, integran a lista de lugares fixados para a realización dos exames Bos Aires, Río de Xaneiro, Salvador de Baía, San Paulo, Niteroi, A Habana, Santiago de Chile, Nova York e Montevideo.

Datas concretas
Por un lado, as probas para a acreditación oficial dos coñecementos en materia de lingua galega efectuaranse os días 23, 24, 30 e 31 de maio e 21, 22, 28 e 29 de novembro de 2009, para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente. No caso da convocatoria creada especificamente para América, os exames desenvolveranse os días 7 e 8 de outubro. O 7 de outubro, terán lugar pola mañá os correspondentes ao nivel 4, e pola tarde os do Celga 2. O 8 de outubro, faranse pola mañá os do nivel 3, e pola tarde os do Celga 1.

O prazo de inscrición para poder participar nas probas deste ano xa está aberto. No caso da convocatoria de maio, remata o 25 de marzo de 2009, inclusive; para as probas de outubro, acaba o 30 de xuño, inclusive; e para a convocatoria de novembro finaliza o 12 de outubro de 2009 (inclusive).

A lista provisional de admitidos e admitidas para cada un dos niveis e localidades publicarase na web www.xunta.es/linguagalega 30 días naturais antes da data de realización das probas, mentres que a lista definitiva se dará a coñecer 15 días antes dos exames. Os resultados das probas publicaranse nesa mesma web, na que tamén é posible conseguir un formulario para cubrir a solicitude e dispón dunha ligazón para efectuar o pagamento telemático da taxa.

As solicitudes poden remitirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, aos gabinetes provinciais dese departamento autonómico, aos rexistros oficiais da Xunta e, no caso dos solicitantes de fóra de Galicia, aos centros de estudos galegos das universidades. Os destinatarios destes exames son as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do 2009, nacionais ou estranxeiras.

Desenvolvemento das probas
As persoas admitidas para a realización das probas deberán presentarse 15 minutos antes da hora de inicio. A Secretaría Xeral de Política Lingüística expediralles unicamente os certificados de acreditación do Celga ás persoas que superen os exames.

O Celga é un sistema de certificación adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas que lles outorga prioridade ás habilidades comunicativas en galego por riba dos enfoques máis gramaticalistas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder