Noticias

A Xunta impartirá 27 cursos de linguaxe administrativa galega para o seu persoal
15 de enero de 2009

A Xunta impartirá 27 cursos de linguaxe administrativa galega para o seu persoal

A actividade está organizada pola Escola Galega de Administración Pública e a Secretaría Xeral de Política Lingüística

O prazo de inscrición rematará o día 30 de xaneiro

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) impartirá, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, 10 edicións do seu curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio e 17 de nivel superior, que se celebrarán en horario de mañá entre os meses de febreiro a setembro.

Estes cursos están dirixidos aos empregados públicos da Administración da Xunta de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, a non ser que estean desempeñando postos na Administración xeral.

O prazo de inscrición rematará o día 30 de xaneiro. As edicións terán lugar na Coruña –dúas de nivel medio e tres de nivel superior-, Ferrol –unha de cada nivel-, Santiago – tres de nivel medio e cinco de nivel superior -, Lugo – unha de nivel medio e dúas de nivel superior -, Ourense –unha de nivel medio e tres de nivel superior-, Pontevedra –unha de cada nivel -, Vigo - unha de cada nivel – e Viveiro- unha de nivel superior.

Para solicitar a participación nos cursos de nivel medio, as persoas interesadas deberán ter superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega, de perfeccionamento de lingua galega ou o Certificado de Lingua Galega 4 (Celga 4); mentres que para acceder aos de nivel superior deberán ter superado ou validado o de nivel medio.

O número de prazas por curso será de entre 20 e 30 participantes, e só se poderá solicitar un por persoa. Cada edición terá unha duración de 75 horas, 60 delas lectivas –con presenza obrigada de todo o alumnado- e 15 horas de tratamento individualizado, en que o alumnado poderá realizar actividades presenciais específicas de reforzo ou actividades complementarias.

Ao remate de cada curso entregaráselles aos participantes que superasen as distintas fases de avaliación un certificado coa cualificación de apto expedido pola EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder