Noticias

Un proxecto piloto promoverá o voluntariado lingüístico para achegar a lingua galega a estudantes e inmigrantes
10 de diciembre de 2008

Un proxecto piloto promoverá o voluntariado lingüístico para achegar a lingua galega a estudantes e inmigrantes

Rubén Cela participou o martes día 9 de novembro en Santiago nunha xornada de traballo con representantes de Holanda, Francia e Grecia que colaboran no programa

O proxecto de voluntariado aposta pola lingua como elemento de integración no país

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade executará ata o mes de outubro do 2010 o proxecto que leva o nome de Volangteer-Learning Regional Lenguages through Volunteers, ou o que é o mesmo aprendizaxe de linguas nacionais a través de voluntarios. É este un programa promovido dende a Unión Europea e no que colaboran representantes de Galicia, Holanda, Francia e Grecia.

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, mantivo en Santiago un encontro de traballo cos socios europeos cos que se desenvolverá conxuntamente esta iniciativa. O programa que se desenvolverá en Galicia ata outubro de 2010 é un proxecto piloto que se realizará ao mesmo tempo en Friesland, rexión do Norte de Holanda. O proxecto conxunto porase en marcha así en dous espazos – Galicia e Friesland – nos que se falan linguas minoritarias, como son o galego e o frisio. Cando ese proxecto piloto remate disporase da metodoloxía precisa para estender a súa aplicación a outras linguas. A Unión Europea subvenciona a posta en marcha deste proxecto con preto de 400.000 euros.

Segundo explicou Rubén Cela, este proxecto pretende promover a aprendizaxe e o uso das linguas minoritarias dos distintos estados da Unión Europea, co obxectivo de que as persoas que proveñan doutros países poidan coñecela e empregala con normalidade na súa vida diaria. Tal como salientou, con esta iniciativa supérase a clásica visión asistencialista do voluntariado e amósase o compromiso dos galegos e das galegas coa lingua, que funciona así como elemento de integración e unión entre persoas.

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, salientou a importancia desta iniciativa, un programa referente na Unión Europea a prol da integración e o recoñecemento das linguas e as culturas diversas. Para Callón trátase dun paso adiante para a lingua galega, un avance que persegue o obxectivo máis fundamental: facer que as linguas sigan vivas. Neste senso, reiterou o compromiso activo da Mesa pola Normalización Lingüística neste programa e salientou que o Programa de Activación Lingüística desenvolvido en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude desde 2007 sumou xa arredor de 1.000 participantes.

Tamén participou na xornada o vicerreitor da USC, Lourenzo Fernández Prieto, quen afirmou que este proxecto piloto suporá para a USC a consolidación do programa de acompañamento lingüístico de estudantes, converténdose así nun referente en Europa. Neste punto, salientou o éxito do programa de voluntariado no marco da universidade, que neste segundo ano de funcionamento duplicou xa o número de estudantes participantes, pasando de 300 no curso 2007-2008 a 600 no presente curso académico, a metade do total de estudantes de intercambio rexistrados. Ademais, pasouse de 30 a 100 persoas voluntarias neste período de tempo.

Voluntariado da lingua
Poderán participar neste proxecto piloto mozos e as mozas provenientes do estranxeiro e que estean gozando dunha bolsa Erasmus ou Leonardo, aínda que tamén poderán acollerse ás vantaxes desta forma de aprendizaxe tanto os inmigrantes como as persoas non galegas que pasen un período longo de tempo no noso país.

Así, ao longo de 10 meses entre os anos 2009 e 2010, emparellaranse as persoas destinatarias do proxecto con outras tantas persoas maiores de 18 anos, cuxa lingua materna sexa o galego e que voluntariamente, durante os devanditos meses, ofrezan dúas horas semanais do seu tempo de lecer colaborando co proxecto. Nas sucesivas sesións, as parellas reuniranse para charlar de diversos temas (cultura, deporte, temas sociais...) así como tomar parte de distintas actividades tales como ir ao teatro, a un acto deportivo, unha feira gastronómica. Tratarase, en definitiva, de empregar unha aprendizaxe non formal que fomente o interese pola lingua e a súa aprendizaxe, facilitando deste xeito a integración e o intercambio de experiencias, coñecementos e valores.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder