Noticias

Política Lingüística convoca 250 cursos para o 2009 nos que poderán obter formación en galego ata 7.500 persoas
09 de diciembre de 2008

Política Lingüística convoca 250 cursos para o 2009 nos que poderán obter formación en galego ata 7.500 persoas

Aberto o prazo de inscrición para as actividades formativas preparatorias para a obtención do Certificado de Lingua Galega nos niveis 1, 2, 3 e 4

Establécense varias quendas para realizar os cursos ao longo de todo o ano

Os cursos terán 75 horas lectivas e un número máximo de 30 alumnos

Os exames de acreditación, que son independentes da formación, serán en maio e en novembro do ano que vén

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar, a través dunha resolución da Consellería de Presidencia, a convocatoria pública para participar en cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis 1, 2, 3 e 4 do Certificado de Lingua Galega (Celga), destinados a particulares e a colectivos.

En total, convócanse 250 cursos, que se van realizar nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo, e naquelas que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, agrupándoas preferentemente por comarcas. Segundo o previsto nesta convocatoria, poderán realizar estas actividades ata 7.500 persoas, tendo en conta o número de cursos convocados e o número máximo de alumnos por curso, cifrado en 30 persoas.

A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 2 de decembro, está destinada a particulares, colectivos, entidades e asociacións que conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas para participar nos cursos. As actividades formativas deberanse axustar aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecido para cada un dos niveis. É conveniente que as persoas ou entidades interesadas teñan en conta, á hora de formular as solicitudes, o nivel de coñecementos do alumnado.

Quendas de programación
Os prazos de presentación de solicitudes nos cursos varían en función das datas de comezo das diferentes quendas de programación. Así, os particulares que desexen participar nos cursos previstos entre os meses de marzo e xuño, poderán achegar as súas solicitudes ata o vindeiro 30 de xaneiro. As persoas que opten pola segunda quenda, para cursos programados en xullo e/ou agosto, poderán inscribirse ata o 20 de xuño de 2009. E para os cursos que se realicen en outubro e novembro, o prazo de solicitude estará aberto ata o 10 de setembro. En canto aos colectivos interesados, o prazo de solicitude pechará o 27 de febreiro, para cursos que se realicen entre abril e novembro.
O número máximo de asistentes a cada curso é de 30. Se quedasen prazas vacantes, poderán admitirse candidatos ata tres días antes do inicio do curso. A duración do curso será de 75 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas ou de dúas horas e media diarias, aínda que en casos excepcionais ou cando se trate de cursos intensivos poderá autorizarse a realización de sesións con outro horario.

Lugares de solicitude
As persoas e entidades que desexen formular solicitudes farano de acordo cos modelos de solicitude que figuran nos anexos da convocatoria publicada no DOG. Os documentos deberanse dirixir aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da provincia que corresponda. Presentaranse preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou no da delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da provincia á que pertenza a localidade na que se queira realizar o curso. Así mesmo, as solicitudes poderanse entregar nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Secretaría Xeral destina unha partida de 812.500 euros a esta convocatoria, con cargo aos orzamentos de 2009.

Probas de acreditación
A Secretaría Xeral de Política Lingüística non expedirá ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia aos cursos, porque para obter a acreditación do nivel Celga ao que se opte é necesario realizar as probas correspondentes, que se efectuarán en maio e novembro de 2009. A inscrición das probas rematará o 25 de marzo de 2009 para a convocatoria de maio e o 7 de outubro para a de novembro.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder