A Secretaría Xeral de Política Lingüística financiou a dobraxe ao galego desta longametraxe que ten unha duración de 68 minutos
A exhibición desta produción comeza o venres día 5 de decembro en cines de Lugo, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela e Lalín
Preto de corenta personaxes danlle vida a esta historia que discorre en 18 escenarios diferentes e que está ambientada na época do Nadal
Seis salas cinematográficas de Galicia acollen o venres día 5 de decembro a estrea exclusivamente en galego da longametraxe de animación en tres dimensións A hora dos agasallos. A Secretaría Xeral de Política Lingüística financiou a dobraxe ao galego desta película que vai dirixida principalmente ao público infantil. A estrea producirase simultaneamente nas salas de cine As Termas de Lugo, Gran Vía de Vigo, Os Rosales e Filmax na Coruña; Valle Inclán de Santiago de Compostela e Filmax de Lalín.
A hora dos agasallos, dirixida por Gorka Sesma e distribuída por Barton Films, é a terceira entrega da saga de Olentzero. Nesta cinta, este personaxe atópase con problemas para poder repartir os agasallos de Nadal debido á misteriosa desaparición do seu reloxo máxico. A intranquilidade instálase entre os habitantes da vila de Olentzero desde a chegada dun estranxeiro que sufriu un accidente de avión nos montes dos arredores, polo que Anjé, Mari e os seus amigos terán que empregarse a fondo para que a paz retorne á aldea.
A hora dos agasallos estrearase na lingua propia de Galicia e chegará ao mesmo tempo ás pantallas dos cines de Cataluña, en catalán, e do País Vasco, en éuscaro.
Características técnicas
A longametraxe, filmada en formato 35 milímetros, ten unha duración de 68 minutos e componse de 95.608 fotogramas. Conta con 38 personaxes e a trama discorre en 18 escenarios diferentes. A película realizouse en 20 meses e nela traballou un equipo integrado por 29 profesionais. Polo que respecta á parte de animación, foron necesarios 7 meses de traballo para levala a cabo. En canto á banda sonora orixinal, gravouse en Sofía con 53 músicos.
Co financiamento da dobraxe ao galego desta película, Política Lingüística aposta por incrementar o número de produtos audiovisuais que chegan ao mercado na lingua propia de Galicia. Nos últimos meses, tamén se produciu o lanzamento doutros títulos en formato DVD dirixidos ao público infantil, tales como Chamábanlle Shin Chan e Doraemon e os sete magos.
Fonte: Xunta de Galicia



