A Xunta de Galicia achegará 110.000 euros para financiar os traballos de elaboración desta nova publicación, ademais de prestarlles aos seus autores apoio técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos
O dicionario constará dun mínimo de 2000 entradas e da súa redación encargarase un equipo de traballo integrado por xuristas especializados nos diferentes ámbitos do dereito e por lingüistas expertos en lexicografía e terminoloxía
Un dos obxectivos desta obra é incrementar o uso da lingua galega nos eidos administrativos e xudiciais
O Consello da Xunta acordou aprobar a sinatura dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Revista Xurídica Galega (Rexurga) para a elaboración dun dicionario xurídico galego. Un dos principais obxectivos deste acordo é habilitar ferramentas que fagan posible que o galego teña unha maior presenza nos eidos administrativos e xudiciais, así como favorecer a normalización lingüística de documentos de uso cotián neses ámbitos.
En virtude deste convenio, Política Lingüística achegará, entre o presente exercicio e o ano 2010, a cantidade máxima de 110.000 euros para a realización das actividades necesarias para a elaboración da devandita publicación.
O documento establece as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Rexurga. Esta última entidade comprométese a constituír un grupo de traballo integrado por xuristas especialistas en diferentes ámbitos do dereito e por lingüistas especializados en lexicografía ou terminoloxía. Ademais, Rexurga realizará os traballos previos de deseño do dicionario e recompilará a información necesaria para levalo a cabo.
Características
O dicionario constará dun mínimo de 2000 entradas. As tarefas de elaboración serán supervisadas polo Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en lingua galega (Termigal). Os resultados do traballo, á parte da súa publicación en papel, poranse ao dispor dos profesionais do dereito, dos investigadores e do público en xeral a través das páxinas web das dúas institucións que asinarán o convenio.
Ademais da contribución económica que realizará para o desenvolvemento deste proxecto, Política Lingüística comprométese a facilitarlle a Rexurga, cando sexa preciso, apoio e asesoramento técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos relacionados coas actividades do presente convenio.
A asociación Rexurga creárona no ano 1992 un grupo de profesionais e funcionarios do ámbito xudicial coa finalidade de elaborar a Revista Xurídica Galega, e desenvolve actividades a favor da galeguización do ámbito da xustiza no noso país.
Fonte: Xunta de Galicia



