A instalación interactiva, na que os visitantes poden achegar palabras coas que se construirá unha cadea xigante, permanecerá na praza Maior de Lugo desde o venres 28 de novembro ata o domingo 30
Máis de 2500 persoas pasaron pola Cova, que recalou ata o momento en catro cidades galegas
Política Lingüística levará o xogo das palabras encadeadas á feira Cultur.gal, que se desenvolverá na Coruña entre o 4 e o 7 de decembro
A praza Maior da cidade luguesa acollerá o venres 28, o sábado 29 e o domingo 30 de novembro A Cova, unha instalación interactiva acorde coas novas tecnoloxías da comunicación e deseñada para fomentar a dinamización lingüística. Esta visita a Lugo supón o peche da itinerancia inicial prevista para esta montaxe, que está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística como unha actividade máis dentro da campaña “En galego, tes todo por vivir. Tócache!”. Tras o seu paso por Lugo, A Cova trasladarase a vindeira semana á Coruña para formar parte das iniciativas programadas no marco da segunda edición da feira Cultur.gal, na que Política Lingüística participa cun expositor por segundo ano consecutivo.
Persoas de calquera idade poden achegarse ata A Cova e deixar a súa pegada interactiva en forma de palabra. Con todas as achegas que fagan os visitantes elaborarase unha cadea xigante de palabras. O Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga) é a ferramenta que se emprega para garantir a corrección dos vocábulos que se van engadindo á cadea.
Esta instalación inspírase no mito da caverna de Platón. Iniciou a súa itinerancia en Santiago de Compostela e logo trasladouse ás cidades da Coruña, Ourense e Vigo. Ata o momento, levan participado xa no xogo das palabras encadeadas máis de 2500 persoas.
Feira das industrias culturais
De xeito excepcional, A Cova regresará á cidade da Coruña con motivo da participación da Secretaría Xeral de Política Lingüística na segunda edición da feira Cultur.gal. A instalación das palabras encadeadas permanecerá no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) desde o 4 ata o 7 de decembro. Política Lingüística participa por segundo ano consecutivo nesta feira galega das industrias culturais.
Fonte: Xunta de Galicia



