A exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística permanecerá na Estación Marítima ata o 7 de novembro
No marco da exposición, celebrarase a xornada “A idade dixital do galego”, na que representantes de Google e Microsoft analizarán a importancia da incorporación de estratexias plurilingües como oportunidade de negocio no ámbito tecnolóxico
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz, e a concelleira de Educación, Laura López, inauguraron o pasado venres 24 de outubro en Vigo a mostra itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos” sobre o galego na diversidade das linguas. Tras recibir un amplo apoio institucional en Bruxelas, a exposición quere presentar en Vigo o plurilingüismo como unha oportunidade para as empresas.
No seu discurso, Marisol López citou o informe do Foro Empresarial sobre Multilingüismo creado pola Unión Europea, que sinala que “as linguas son a clave do mundo que representan. O plurilingüismo potencia a apertura e a tolerancia pero, ademais, tamén abrirá portas para os novos mercados e novas oportunidades empresarias.”
Así mesmo, a responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia sinalou que “cada vez hai máis empresas ás que lles saen as contas co galego. A lingua cotiá de traballo comeza a gañar terreo na formalidade da rotulación interna, na etiquetaxe, no achegamento ao cliente. Isto vai facer que o galego gañe unha enorme visibilidade que ata hai poucos anos apenas tiñas nese ámbito formal”.
A inauguración da exposición contou coa presenza de numerosos representantes de diversas institucións e entidades. Así, asistiron ao acto celebrado na Estación Marítima de Vigo o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o xefe superior de Policía de Galicia, Luís Manuel García Mañá, o director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, o conselleiro delegado de A Nosa Terra, Alfonso Eiré e o coordinador do Foro Enrique Peinador, Xosé González, entre outros.
Visitas á exposición
Na cidade de Vigo, e unha vez inaugurado o curso escolar, a mostra será visitada polo estudantado de secundaria. Co fin de familiarizar os máis novos coa diversidade das linguas do mundo e mais coa propia lingua galega, a visita guiada acompáñase dunha unidade didáctica para profesores e alumnos.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 7 de novembro na Estación Marítima de Vigo, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.
Ademais conta cun sitio web paralelo www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e achegarse á información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.
A idade dixital do galego
O plurilingüismo nas novas ferramentas tecnolóxicas, como tradutores automáticos, dicionarios electrónicos ou contornos de traballo informáticos, favorecen a adaptación das empresas aos mercados locais. Estes recursos novos da lingua tamén están presente en “As nosas palabras, os nosos mundos” e refórzase en Vigo coa celebración da xornada “A idade dixital do galego”, o vindeiro 28 de outubro.
O evento, que presentará Marisol López, contará coa intervención do director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Nel participarán, ademais, Luis Collado, Director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal, e Montserrat Pardo, Xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica. Durante a xornada, analizarase a importancia do plurilingüismo no ámbito tecnolóxico como elemento xerador de novas oportunidades de negocio.
Os contidos: desde as orixes ata hoxe
“As nosas palabras, os nosos mundos” permítelles aos visitantes achegarse ao galego e á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, éuscaro, catalán, castelán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.
O punto de partida da mostra é “As orixes”, que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe coas primeiras novas sobre a súa orixe (petróglifos, pinturas rupestres...). A visita desemboca na “Árbore das linguas”, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.
No módulo denominado “Isto é galego”, o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.
Os contidos do terceiro bloque, que lle dá nome á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística a través dun xogo de escoita que permite coñecer o son de múltiples linguas de orixe diversa. Este módulo pon en valor a diversidade lingüística do planeta, o plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade.
O último tramo da mostra, “A nosa lingua na nosa vida” é o que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se achegan exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cine.
Próximo destino, Madrid
Despois de Vigo, Madrid será o seguinte destino desta mostra itinerante. “As nosas palabras, os nosos mundos” poderá visitarse no Círculo de Belas Artes en novembro. O último destino de 2008 será A Coruña e durante o 2009 a mostra poderá verse en Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.
Fonte: Xunta de Galicia



