Con este acordo amplíase a rede de proxección exterior do galego, que na actualidade dispón de preto de 50 centros de estudos en todo o mundo.
O convenio ten unha vixencia temporal de catro anos e prevé tanto actividades docentes no ámbito académico como na área de influencia da universidade.
Tamén se renova o convenio coa Universidade de Deusto, en Bilbao, para continuar co programa de docencia de galego nese centro.
A lingua e a cultura galegas estudaranse no Estado de California grazas a un convenio entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de California, en Santa Bárbara. O Consello da Xunta aprobou esta colaboración, que prevé a proxección exterior do galego, no só no ámbito académico da universidade, senón tamén na súa área de influencia.
En virtude dese convenio de colaboración, cunha vixencia temporal de catro anos, a actividade docente constará de cursos de lingua ou lingüística nos que se insira o galego como lingua románica e, en función da demanda existente, poderanse realizar cursos de lingua galega en diferentes niveis. Ademais, prevese a organización dun curso de introdución aos estudos galegos e cursos monográficos especializados sobre temas ou autores galegos.
Outra das estipulacións deste convenio consiste na organización de actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas, tales como: conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas, exposicións etc.
Enlace coa Secretaría xeral
A través deste acordo, crearase o Centro de Estudos Galegos da Universidade, que será o órgano de referencia en todas as actividades que se desenvolvan en aplicación dos acordos deste convenio. Como responsable deste figurará o director do Departamento de Español e Portugués, ou persoa na que delegue, quen, dada a súa vinculación coa universidade, actuará como persoa de enlace entre esta e a SXPL. Será tamén a súa función catalogar e inventariar o material adquirido para o centro con cargo á subvención da Xunta de Galicia e organizará viaxes de estudos dos alumnos.
Ao remate de cada ano, este responsable remitiralle, en soporte informático e escrito, á SXPL unha memoria redactada en galego sobre as actividades levadas a cabo en cumprimento das accións previstas no acordo segundo este convenio.
A Universidade de California encargarase de contratar e de retribuír o profesor lector ou a profesora lectora, logo de ser seleccionado por unha comisión avaliadora integrada por representantes da Secretaría Xeral de Política Lingüística e polo director do Centro de Estudos Galegos. O lector ou lectora deberá estar en posesión de titulación universitaria superior e acreditar coñecementos de inglés suficientes como para impartir docencia, pronunciar conferencias ou realizar xestións. O lector acreditará coñecementos de galego e terá como campo de interese os temas galegos.
A universidade facilitará o aloxamento do profesor ou profesora nunha residencia universitaria e contribuirá economicamente a este fin. Tamén será competencia da institución académica estadounidense a adquisición do material, tanto bibliográfico como audiovisual e infraestrutural, necesario para realizar as actividades previstas.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborará na realización das accións previstas no acordo cunha contribución económica de 69.976,32 euros, que se dividirán proporcionalmente nas catro anualidades de vixencia do acordo.
Renóvase o acordo con Deusto
O Consello da Xunta tamén aprobou o novo acordo entre Política Lingüística e a Universidade de Deusto, en Bilbao, para darlle continuidade ao programa de estudos de lingua galega en dous niveis e de literatura e cultura galegas igualmente en dous niveis. Cada unha das materias, incluídas no plan de estudos da universidade como materias de libre elección, conta con 4,5 créditos. Ademais, o acordo tamén prevé a organización doutras actividades, como charlas, conferencias, encontros, etc.
O lector de galego desta universidade estará contratado como profesor-axudante, co que se continúan a mellorar as condicións laborais dos lectores, obxectivo que se fixou o departamento dirixido por Marisol López.
Nesta ocasión, o convenio terá unha vixencia de tres anos e, para sufragar os gastos derivados del, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fará unha achega de 42.975,04 euros.
Fonte: Xunta de Galicia



