Noticias

Máis de mil persoas participaron ata agora nas festas dos axóuxeres, que se clausuran esta fin de semana en Santiago
19 de septiembre de 2008

Máis de mil persoas participaron ata agora nas festas dos axóuxeres, que se clausuran esta fin de semana en Santiago

O espectáculo, promovido por Política Lingüística co obxectivo de que os máis pequenos da casa se expresen en galego de xeito habitual, terá lugar o sábado 19 de setembro nunha carpa instalada na zona da carballeira de Santa Susana

Máis de 1.200 persoas participaron nas funcións que xa se levaron a cabo nas cidades de Lugo, A Coruña, Ourense e Vigo durante as últimas semanas

A finais de outubro botarán a andar en 25 vilas galegas os Encontros dos Axóuxeres, que reproducen o modelo inicial das festas, pero nun formato adaptado a espazos pechados

As Festas dos Axóuxeres baixarán o seu pano esta fin de semana na capital galega. A última función deste programa impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística terá lugar o sábado, 20 de setembro, ás 12.00 horas nunha carpa que se instalará na zona da carballeira de Santa Susana, na alameda de Santiago de Compostela. Neste espazo poderán darse cita todas as familias que desexen que os seus bebés e cativos se acheguen de forma lúdica á lingua galega para coñecela, falala de xeito habitual e contribuír deste modo a garantir a súa vitalidade. Nas catro festas que se levan realizado ata agora, en Lugo, A Coruña, Ourense e Vigo, participaron máis de 1.200 persoas.

Aínda que as festas rematan esta fin de semana, o proxecto da Xunta de Galicia no que se engloba esta iniciativa emprenderá unha nova andaina a partir de finais de outubro; será para entón cando empecen a desenvolverse os Encontros dos Axóuxeres, que chegarán a 25 vilas de Galicia.

O espectáculo que poderán presenciar as familias que acudan á alameda compostelá desenvolverase baixo cuberto, nunha carpa de 500 metros cadrados, e a entrada será de balde. Un elenco artístico integrado por sete actores e seis músicos recrearán unha montaxe na que o boneco Totó, inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras, actúa como fío condutor nunha máxica singradura polo mar dos sentidos. Cantigas, xogos, arrolos, adiviñas e outras moitas dinámicas ideadas para acadar unha implicación máxima dos nenos e dos seus familiares compoñen este espectáculo dunha hora de duración. Xabier Díaz ou Elena Paz son algúns dos artistas que lle dan vida a este proxecto, no que a produción recae na empresa Galitoon.

Novo percorrido
A segunda etapa deste programa promovido por Política Lingüística terá o seu punto de arranque a finais de outubro. Os Encontros dos Axóuxeres estenderanse ao longo do outono e do inverno en espazos pechados de 25 concellos das catro provincias galegas.

Toda a información referente a esta iniciativa posta en marcha polo departamento que dirixe Marisol López pode consultarse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/festa_dos_axouxeres_2008

Política Lingüística aposta por promover accións como as Festas e os Encontros dos Axóuxeres como un paso máis en favor do proceso de normalización lingüística, tendo en conta a importancia que teñen colectivos como o infantil na transmisión da lingua propia.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder