Noticias

Comeza a distribución en formato DVD dunha nova produción audiovisual en galego para o público infantil
03 de noviembre de 2008

Comeza a distribución en formato DVD dunha nova produción audiovisual en galego para o público infantil

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia a versión en galego da película de animación Chamábanlle Shin chan, unha edición que inclúe dous discos con aventuras deste coñecido personaxe

Esta longametraxe en formato DVD distribuirase nas principais cadeas comerciais de Galicia e do resto do Estado

Para as dobraxes dos personaxes do vídeo empregáronse as mesmas voces que habitualmente lles dan vida nas emisións da Televisión de Galicia

As principais cadeas comerciais de Galicia e do resto do Estado xa están a distribuír estes días a nova película en DVD de Shin chan e a súa familia, titulada Chamábanlle Shin chan. Esta longametraxe sae ao mercado de xeito simultáneo na súa versión en galego e nas demais linguas oficiais do Estado. A Secretaría Xeral de Política Lingüística promoveu e financiou a dobraxe desta cinta, que chega da man da produtora Luk Internacional.

A nova aventura deste personaxe tan popular entre o público infantil galego está ambientada no Distante Oeste; a curiosidade de Shinnosuke Nohara e dos seus amigos lévaos ata o interior do antigo cine Kasukabe Odeón, onde acaban facendo unha viaxe a través do tempo e do espazo.

A edición en formato DVD inclúe dous discos, un deles con xogos interactivos e outros materiais, así como unha curtametraxe extra. En total, ofrécenselles aos máis pequenos da casa 93 minutos de aventuras e diversión.

Política Lingüística promoveu a dobraxe deste vídeo, para a cal se empregaron as mesmas voces que de xeito habitual lles dan vida a estes personaxes infantís nas emisións que realiza a Televisión de Galicia.

Características técnicas
O DVD Chamábanlle Shin chan posibilita a navegación en catro idiomas: galego, castelán, catalán e eúscaro. Ademais, conta con opcións que permiten que poidan acceder á longametraxe as persoas con discapacidade sensorial (visual e auditiva).

A Xunta de Galicia aposta, co apoio a iniciativas como esta, por incrementar a presenza no mercado de produtos audiovisuais de lecer na lingua propia.

Outros lanzamentos
A maiores, está previsto tamén, antes de que remate o presente ano, o lanzamento en galego en formato DVD dunha nova longametraxe de animación na que o protagonista é o popular gato cósmico Doraemon. Esta película, que conta igualmente con financiamento de Política Lingüística para a súa dobraxe ao galego, sairá ao mercado baixo o título Doraemon e os sete magos.

Ademais destas novidades, para decembro deste ano está programada a estrea nas principais salas cinematográficas de Galicia da longametraxe A hora dos agasallos. Trátase dunha produción do xénero de animación en tres dimensións, que vai dirixida ao público infantil e, do mesmo xeito que nos dous casos mencionados anteriormente, dispón dun investimento por parte do departamento que dirixe Marisol López. Esta gravación estrearase na lingua propia de Galicia, mentres que en Cataluña e no País Vasco sairá ao mesmo tempo nas súas respectivas linguas cooficiais.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder