Noticias

Consolídase na grella da Galega o Ben Falado!, un microespazo divulgativo sobre a lingua que agora se emite na sobremesa
13 de octubre de 2008

Consolídase na grella da Galega o Ben Falado!, un microespazo divulgativo sobre a lingua que agora se emite na sobremesa

O programa ten unha cota de pantalla do 15,5 por cento e multiplicou o número de espectadores no último mes, ata chegar aos 110.000 de media

Entre o Telexornal e o Cifras e Letras, o espazo dirixido e presentado por Xesús Ferro Ruibal chegará á páxina web da televisión á carta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia este produto televisivo, que tamén se emite para América e para o continente europeo

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, o director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG, Pastor Lorenzo, e o académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal, presentaron en Santiago o microespazo Ben Falado!, un programa divulgativo sobre a lingua galega que desde o mes pasado se emite na franxa da sobremesa na Televisión de Galicia. Dirixido e presentado por Xesús Ferro, Ben Falado! pretende ensinar deleitando, con explicacións sobre toponimia e antroponimia, ortografía, fraseoloxía, gramática ou vocabulario, dun xeito ameno e áxil.

Concibido como un “prato combinado”, nos tres minutos de duración de cada capítulo o programa achega explicacións sobre nomes e apelidos, topónimos, curiosidades léxicas, gramaticais ou ortográficas. Ademais, este microespazo de servizo público ofrece reportaxes sobre como se move a lingua en centros de ensino, empresas, na internet ou no tecido asociativo, e achégase tamén ás novas tecnoloxías da lingua, á literatura galega e á historia da lingua. Ocúpase de todos os sectores de idade e abrangue todos os sectores sociais, de forma parella á presenza da lingua galega en todos eles.

Multiplicouse a audiencia
Desde que comezou a súa emisión na Galega, o pasado 20 de xullo, a audiencia do Ben Falado! non deixou de medrar. No pasado mes de setembro o programa deixou a franxa matinal na que se emitía e pasou a ocupar a sobremesa de luns a venres, despois do Telexornal Mediodía e antes do Cifras e Letras. Desde entón, duplicou a súa cota de pantalla, que chega na actualidade ao 15,5 por cento, cunha media de 110.000 espectadores que se multiplicaron ao longo deste tempo, o que supón un éxito de audiencia.

Á vista da boa marcha do programa e para que este chegue a un maior número de persoas interesadas, está previsto que a semana que vén estean xa dispoñibles, na páxina web da CRTVG, na sección de Televisión á carta, os 50 capítulos emitidos ata o de agora e todos os que se vaian ofrecendo diariamente. Ben Falado tamén pode seguirse diariamente en Arxentina, Uruguai, Brasil e México e en toda Europa.

Ben Falado!, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, responde aos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece como un dos obxectivos que cómpre conseguir no ámbito dos medios de comunicación o de lograr que os medios públicos ofrezan unha programación prestixiadora da lingua. Neste sentido, quíxose aproveitar o potencial da Televisión de Galicia como un dos axentes máis importantes de difusión, para emitir un programa sobre o galego con rigor, amenidade e xerador de interese ao redor da lingua.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder