Noticias

Convocadas dez bolsas de colaboración para realizar proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro no 2009
23 de diciembre de 2008

Convocadas dez bolsas de colaboración para realizar proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro no 2009

Os beneficiarios participarán en proxectos sobre fraseoloxía, terminoloxía científica, as Cantigas de Santa María, identidade colectiva, linguas románicas e bibliografía da literatura galega, entre outros

Os bolseiros recibirán unha asignación mensual de 954 euros e deberán presentar un informe sobre a actividade realizada unha vez conclúa o período de colaboración co Ramón Piñeiro

As persoas interesadas en acceder a estas bolsas disporán de 31 días de prazo para presentar as solicitudes

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O Diario Oficial de Galicia fixo pública o pasado luns a resolución pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público para a adxudicación destas bolsas. Os beneficiarios realizarán os seus traballos ao longo do 2009. Entre os requisitos que deberán cumprir, figuran o de estaren en posesión do título de licenciado ou licenciada e o de acreditaren coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

A estadía dos bolseiros durará ata o 31 de decembro do 2009 e poderase prorrogar anualmente ata un máximo total de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o proxecto ao que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

O importe das bolsas inclúe unha asignación mensual de 954 euros, que é incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada e, ademais, as persoas beneficiarias disporán dun seguro de asistencia médica e de accidentes.

Solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e poderán entregalas na sede do Centro Ramón Piñeiro ou en calquera rexistro público da Comunidade Autónoma de Galicia. As persoas interesadas en acceder a estas bolsas deberán cubrir un formulario e achegar, entre outra documentación, a certificación académica completa e a acreditación de coñecemento de lingua galega do nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

A selección dos candidatos e candidatas será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro e composta por tres vogais propostos por ese coordinador e nomeados pola secretaria xeral de Política Lingüística. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia. Ademais, Política Lingüística difundirá na súa páxina web a relación dos beneficiarios e o importe das bolsas concedidas.

Unha vez finalizada a bolsa, o bolseiro ou a bolseira deberá presentar un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Áreas de investigación
As bolsas convocadas teñen como finalidade colaborar nos proxectos Corpus de referencia do galego actual, Síntese de voz en galego, Tesouro fraseolóxico galego, Cantigas de Santa María, Base de datos do Atlas das Linguas Románicas, Terminoloxía científico-técnica, Bibliografía da literatura galega e Dimensións da identidade colectiva en Galicia.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder