As montaxes compóñense de xogos, cancións e dinámicas interactivas para que participen nelas nenos de 1 a 5 anos de idade cos seus pais e nais
Estas funcións teñen unha duración dunha hora e realízanse en espazos cunha capacidade limitada a 60 espectadores para facilitar a interacción do público
Nas dúas primeiras vilas nas que se desenvolveron, en Carballo e Melide, os encontros contaron cunha destacada participación de familias
Catro vilas galegas acollen esta fin de semana os Encontros dos Axóuxeres. Mondoñedo, Ribadeo, Burela e Ortigueira son os próximos destinos desta festa familiar, que comezou hai sete días en Carballo e Melide, con grande éxito de participación. Mañá, 31 de outubro, este espectáculo interactivo encamiñado a potenciar o uso da lingua galega no ámbito familiar desembarcará no Auditorio Municipal Pascual Veiga, en Mondoñedo, onde comezará ás 18.00 horas. O sábado, 1 de novembro, a montaxe levaranse a cabo pola mañá en Ribadeo, no Auditorio Municipal Hernán Naval ás 12.00 horas; e pola tarde en Burela, na Casa da Cultura, ás 18.00 horas. Xa o domingo, 2 de novembro, será a vila de Ortigueira a que acollerá os Encontros dos Axóuxeres, ás 12.00 horas no Teatro da Beneficencia.
As montaxes que se están a programar estes días forman parte da primeira xeira dos Encontros dos Axóuxeres, que durará ata finais de novembro. Con posterioridade, a partir de xaneiro, retomaranse as funcións noutras 16 vilas de Galicia.
Viaxe polo mundo dos sentidos
Os cinco sentidos (oído, vista, tacto, gusto e cheiro) contan cun peso moi importante dentro da construción creativa dos Encontros dos Axóuxeres, un programa organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e producido pola empresa Galitoon. Do mesmo xeito, a música desempeña un papel clave no desenvolvemento das funcións, xa que hai cinco cancións compostas expresamente para este proxecto que actúan de nexo. Cada un dos temas musicais introduce un xogo ou unha dinámica para que interactúen os pais e as nais cos seus bebés e cativos.
A cantante e artista Elena Paz é a encargada de conducir cada un dos Encontros dos Axóuxeres, nos que tamén interveñen outros músicos e actores. Outra peza imprescindible destas montaxes chámase Totó, que é un boneco inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras.
Público obxectivo
Os espectáculos están especialmente deseñados para un público composto por bebés e cativos de 1 a 5 anos de idade, e para os seus pais e nais. Ademais, teñen unha hora de duración e desenvólvense sempre en espazos pechados e cunha capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus acompañantes).
As familias interesadas en participar nesta iniciativa deben inscribirse sempre previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879. A inscrición previa obedece ás limitacións de capacidade esixidas polas características do espectáculo.
Información
Todos os detalles sobre esta iniciativa promovida polo departamento que dirixe Marisol López, así como as datas e as vilas nas que se levarán a cabo os Encontros, poden consultarse no enderezo
www.xunta.es/linguagalega/encontros_dos_axouxeres_2008
Nese mesmo espazo virtual, cabe a posibilidade de descargar as letras das cancións compostas para os Encontros, e de escoitalas, posto que outro dos obxectivos que persegue esta experiencia é a de facilitar que os pais e as nais poidan seguir xogando na casa cos pequenos.
As seguintes escalas deste programa, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por favorecer o emprego do galego como lingua habitual no seo da familia, serán as vilas de Ribadavia, Celanova e Oroso.
Fonte: Xunta de Galicia



