Noticias

A historia do galego e o proceso de normalización lingüística, na segunda xornada da Semana Cultural de Galicia en México
23 de octubre de 2008

A historia do galego e o proceso de normalización lingüística, na segunda xornada da Semana Cultural de Galicia en México

Marisol López explicou a situación actual do galego e os retos de futuro da política lingüística, que pasarán por avanzar na igualdade real entre a lingua galega e a castelá

A secretaria xeral afirmou que “canto máis igualitaria sexa a situación entre as dúas linguas, máis sólida será a súa convivencia”

O profesor da USC Eduardo Moscoso ofreceu unha conferencia sobre a historia da lingua galega desde o latín ata a actualidade

A secretaria xeral visitou o Centro Galego de México, onde mantivo un encontro co seu presidente e con membros da directiva desta colectividade

A segunda xornada da Semana Cultural de Galicia en México contou coa participación da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, quen abordou, nunha conferencia, a política lingüística en Galicia, o proceso de normalización do galego e as perspectivas de futuro.

A secretaria xeral fixo un repaso polo marco legal do galego e pola situación sociolingüística da lingua na actualidade. Destacou o incremento das competencias lingüísticas dos galegos na lectura e na escrita, pero tamén o risco de fractura xeracional na transmisión do idioma cara aos máis novos. Respecto dos retos actuais, sinalou a necesidade de avanzar cara a igualdade real entre o galego e o castelán, pois “canto máis igualitaria sexa a situación das dúas linguas, máis sólida será a súa convivencia e tamén a dos cidadáns”.

Marisol López apuntou como eixes prioritarios da política lingüística en Galicia favorecer o prestixio social do galego, promover a transmisión lingüística primaria, apoiar a presenza do galego nas novas tecnoloxías, mellorar aínda máis as competencias e lograr unha maior presenza do galego nas institucións do Estado e nas da Unión Europea.

Posteriormente, o profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, Eduardo Moscoso, abordou a historia do galego desde o Imperio Romano ata o século XXI. Logo de ofrecer uns datos breves sobre Galicia e o galego, nesta charla expuxo as principais diferenzas entre as evolucións que sufriron o galego e o castelán, que foron as que conformaron as características actuais destas dúas linguas nos planos fonético, morfolóxico, sintáctico e léxico. Tamén fixo referencia á situación sociolingüística da lingua galega ao longo do tempo, e moi especialmente no momento actual.

Visita ao Centro Galego de México
Na tarde-noite do luns (madrugada en Galicia), a secretaria xeral de Política Lingüística visitou as instalacións do Centro Galego de México, onde mantivo un encontro co presidente desta entidade, Luís Piñeiro, e con membros da directiva do centro.

No transcurso da xuntanza, Marisol López e Luís Piñeiro intercambiaron impresións sobre a colectividade emigrante galega no país americano e sobre as actividades culturais que promove o centro, entre as que figuran distintos cursos de extensión cultural.

O mércores, a xornada iniciarase cunha conferencia da profesora da USC Elvira Fidalgo, que falará da poesía medieval galego-portuguesa, e continuará cunha charla do historiador Elixio Villaverde, que abordará a historia do exilio galego en México.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder