Noticias

Marisol López abre as actividades da Cátedra Osorio-Tafall de Galego na Universidade Nacional Autónoma de México
21 de octubre de 2008

Marisol López abre as actividades da Cátedra Osorio-Tafall de Galego na Universidade Nacional Autónoma de México

A secretaria xeral de Política Lingüística presidiu, coa directora do Instituto de Investigacións Filolóxicas da UNAM, o acto de nominación da cátedra.

Con este acto iniciouse a Semana Cultural de Galicia en México, na que, durante catro días, haberá conferencias e encontros sobre lingua, literatura e cultura galegas.

Está prevista a realización de obradoiros entre os relatores galegos das xornadas e os alumnos da UNAM que asistan ás conferencias.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presidiu xunto coa subdirectora do Instituto de Investigacións Filolóxicas da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), Laura Sotelo, o acto de Nominación da Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall de lingua, literatura e cultura galegas no seo desta institución académica.

Con este acto, no que tamén participou o catedrático de Dereito Eclesiástico do Estado e fillo de Osorio-Tafall José Ángel Fernández Arruty, deu comezo a Semana Cultural de Galicia en México, unha actividade que á súa vez serve para iniciar oficialmente as actividades desta cátedra, creada en decembro de 2007 grazas a un convenio de colaboración asinado entre o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o reitor da UNAM, José Narro.

Fernández Arruty expuxo un perfil biográfico de Fernández Osorio-Tafall, primeiro alcalde de Pontevedra na Segunda República, que participou na elaboración do Proxecto Estatuto de Autonomía do 36 e que en 1938 foi nomeado comisario xeral dos Exércitos. Tras a Guerra Civil, Osorio-Tafall exiliouse a México. Catedrático de Ciencias Naturais, foi profesor na UNAM e traballou ao servizo da Organización das Nacións Unidas (ONU).

A secretaria xeral de Política Lingüística amosou a súa satisfacción pola ampliación da Rede de Proxección Exterior do galego dependente do seu departamento, e en especial pola posta en marcha deste centro, integrado nunha das universidades máis prestixiosas do mundo, na que a lingüística ocupa un lugar preferente nos ámbitos da investigación e do coñecemento. “Esta cátedra pretende ser un lugar de encontro e de intercambio entre investigadores e estudosos galegos e mexicanos, pretende ser tamén un recoñecemento, na figura de Osorio-Tafall, a todos aqueles que un día tiveron que saír do seu país, nunhas circunstancias moi difíciles, pero tamén quere ser unha mostra de gratitude a un país que os acolleu cos brazos abertos”, dixo Marisol López, que mostrou a súa seguridade en que os traballos da cátedra serán moi frutíferos.

Conferencia de Pérez Pereira
O catedrático de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Pérez Pereira pronunciou, na segunda parte da mañá, unha conferencia sobre a adquisición da lingua galega na primeira infancia. Nela, describiu o proceso de cambio na cantidade e composición do vocabulario dos nenos falantes do galego, e salientou a relación que existe entre o desenvolvemento léxico e o gramatical. Tamén expuxo o proceso de adquisición inicial da morfoloxía nominal e verbal e a súa orde de adquisición.

Finalmente, o profesor da USC analizou o primeiro desenvolvemento sintáctico, relacionándoo coas diferenzas individuais na adquisición da linguaxe, e co estilo analítico e o xestáltico en particular, así como coa chamada teoría da adquisición baseada no uso.

Esta primeira xornada da Semana Cultural de Galicia en México espertou moito interese na UNAM. Ademais dunha nutrida representación do corpo de investigadores do Instituto de Investigacións Filolóxicas, asistiron ás conferencias, entre outros, o conselleiro de Educación da Embaixada de España en México, Miguel Moreta, a cineasta Laura Gardós Velo, autoridades académicas da UNAM e descendentes de exiliados galegos en México.

Historia do galego e normalización lingüística
As xornadas da Semana Cultural de Galicia en México continúan cun relatorio do profesor Eduardo Moscoso, da USC, que falará sobre “A lingua galega: dos romanos ao século XXI”. Posteriormente, a secretaria xeral de Política Lingüística falará sobre o proceso de normalización e as perspectivas de futuro do galego.

Ademais das conferencias, polas tardes desenvolveranse obradoiros entre os conferenciantes e os alumnos e investigadores da UNAM.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder