Noticias

Marisol López destaca en Bruxelas os avances realizados estes anos en Galicia no proceso de normalización lingüística
24 de septiembre de 2008

Marisol López destaca en Bruxelas os avances realizados estes anos en Galicia no proceso de normalización lingüística

A secretaria xeral de Política Lingüística participou o pasado martes 23 de setembro nun seminario sobre as perspectivas de futuro das linguas minoritarias da Unión Europea

Os avances no ensino, as maiores competencias lingüísticas en galego, e os pasos dados no sector das novas tecnoloxías son algunhas das medidas nas que fixo fincapé a responsable da política lingüística da Xunta de Galicia

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, participou o martes día 23 no seminario organizado pola Fundación Galicia Europa “Cales son as perspectivas de futuro para as linguas rexionais na Unión Europea?”, que se desenvolveu na sede desta institución, en Bruxelas, no marco da celebración, o vindeiro 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas.

Marisol López fixo un repaso pola historia do galego e da súa consideración como lingua oficial en Galicia, e referiuse aos datos sociolingüísticos dos últimos anos, que reflicten un aumento das competencias en galego, pero un descenso na transmisión xeracional da lingua. Neste sentido, a secretaria xeral incidiu na necesidade de recuperar esa transmisión do galego de pais e nais aos fillos, e apelou ao compromiso de toda a sociedade para defender e apoiar a lingua. “É necesario deseñar a política lingüística intentando contar sempre co consenso político e social”, declarou, e referiuse ao Plan xeral de normalización da lingua galega, que acadou ese consenso hai xa catro anos e cuxas medidas están a ser desenvolvidas desde o seu departamento.

A secretaria xeral explicou que nos últimos tres anos se produciron avances no proceso de normalización do galego en varios aspectos. En primeiro lugar, aludiu ao feito de que o departamento que dirixe pasou de ser unha dirección xeral, dependente da Consellería de Educación, a exercer, desde unha secretaría xeral dependente da Presidencia, unha influencia transversal en todas as áreas de goberno. Por outra parte, destacou o desenvolvemento do decreto do galego no ensino, que vén garantir a igualdade, na escola, das dúas linguas oficiais, e referiuse tamén a progresos en ámbitos como o das novas tecnoloxías.

O principal reto de futuro, segundo expresou Marisol López, é conseguir a igualdade social real entre o galego e o castelán en Galicia. Para iso, a secretaria xeral avogou por continuar incrementando o prestixio social da lingua a través de actuacións en todos os ámbitos sociais, e en especial naqueles nos que aínda se detectan barreiras, como o sector empresarial ou o xurídico. Ademais, apelou tamén á necesidade de conseguir unha maior presenza da lingua nas institucións do Estado e nas da Unión Europea.

No seminario no que participou a secretaria xeral de Política Lingüística tamén interviron a directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, o xefe de unidade de Interpretación Española da Comisión Europea, Manuel Valdivia, a delegada permanente da Delegación da Bretaña en Europa, Martine Allais, o representante da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística, Davyth Hicks, e a membro da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea Patrizia Baralli.

A presenza de Marisol López en Bruxelas coincide coa inauguración, o luns día 22 nas dependencias da Comisión Europea, da exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá na capital europea ata o vindeiro 3 de outubro e que conta co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, e coa colaboración da Fundación Galicia Europa.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder