Noticias

México acolle esta semana o inicio das actividades da Cátedra de galego coa celebración da Semana Cultural de Galicia
20 de octubre de 2008

México acolle esta semana o inicio das actividades da Cátedra de galego coa celebración da Semana Cultural de Galicia

A secretaria xeral de Política Lingüística dará unha conferencia no marco destas xornadas, que se celebrarán na Universidade Nacional Autónoma de México entre o 20 e o 23 de outubro

As actividades iniciaranse co acto de nominación da Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall e continuarán con charlas e encontros entre investigadores

A lingua, a literatura, a cultura e a historia dos galegos en México terán cabida nestas xornadas, que se desenvolverán no Instituto de Investigacións Filolóxicas da UNAM

O luns, día 20 de outubro, darán comezo as actividades da Cátedra de Lingua, Literatura e Cultura Galegas posta en marcha na Universidade Nacional Autonóma de México (UNAM), grazas a un convenio de colaboración asinado o pasado mes de xaneiro entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o reitor da UNAM, José Narro. No marco da Semana de Galicia en México, celebraranse, nas dependencias da UNAM, as xornadas da Semana Cultural de Galicia en México, que terán como escenario o Instituto de Investigacións Filolóxicas desta universidade.

A semana iniciarase o propio luns co acto de nominación da cátedra, que pasará a chamarse Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall, en homenaxe a este político galego republicano exiliado en México tras a Guerra Civil española, que desempeñou importantes cargos diplomáticos na ONU e que foi profesor da UNAM. Ao acto asistirá a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que promoveu a creación da cátedra xunto coa directora do Instituto de Investigacións Filolóxicas, Mercedes de la Garza. Ademais, tamén estarán presentes os fillos de Osorio-Tafall.

A este acto seguiralle unha conferencia de José Ángel Fernández-Arruty, fillo de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, quen fará un percorrido pola biografía do seu pai. A continuación, o catedrático de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Santiago, Miguel Pérez Pereira, falará sobre a adquisición da lingua galega na primeira infancia.

Lingua, literatura, historia e edición contemporánea
En días posteriores haberá distintas conferencias arredor da lingua, a literatura e a cultura de Galicia. Así, Eduardo Moscoso, profesor de Filoloxía Galega na universidade compostelá, fará un percorrido pola historia do galego; e a secretaria xeral de Política Lingüística disertará sobre a política lingüística en Galicia e o proceso de normalización do galego na nosa sociedade. Pola súa parte, a profesora e investigadora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Elvira Fidalgo, falará sobre a poesía medieval galego-portuguesa.

Outra dos temas que se abordará será a historia dos republicanos galegos exiliados en México. O doutor en Historia da Universidade de Santiago Elixio Villaverde será o relator desta xornada. E para rematar a Semana Cultural de Galicia en México, o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, falará sobre a situación da edición contemporánea en Galicia. O secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio César Fernández Mato, clausurará a semana de actividades.

62 linguas diferentes
A posta en marcha desta cátedra na UNAM é de especial interese para facilitar o intercambio e o encontro entre investigadores do ámbito da lingüística. En México viven aproximadamente 10 millóns de cidadáns que falan arredor de 62 linguas indíxenas diferentes. Na actualidade, o 10 por cento da poboación total do país é falante dalgunha das linguas vernáculas, polo que México se revela como unha área cultural singular no continente americano e no mundo. Na UNAM, o estudo das linguas é prioritario no campo do coñecemento e da investigación.

Semana de Galicia en México
A Semana Cultural encádrase nas actividades programadas dentro da Semana de Galicia en México, que durante os vindeiros días levará á capital mexicana unha delegación institucional da Xunta de Galicia á que acompañarán entidades empresariais e representantes dun cento de empresas galegas. No marco deste evento, celebraranse encontros entre empresarios galegos e mexicanos e realizaranse actividades de carácter comercial.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder