Noticias

Política lingüística e oito editoriais galegas levan a máis de 70 concellos un completo programa de animación lingüística
19 de septiembre de 2008

Política lingüística e oito editoriais galegas levan a máis de 70 concellos un completo programa de animación lingüística

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou o pasado xoves 18 de setembro esta iniciativa, que inclúe libros, contacontos, música, xogos, pintura ou teatro

As editoriais A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais desenvolverán os proxectos desde este mes ata finais de ano

As actividades están destinadas a rapaces de entre 4 e 18 anos, son de balde e todas elas van encamiñadas a fomentar o uso do galego entre os máis novos

O programa prevé chegar a preto de 50.000 nenos e nenas

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago, o programa de animación lingüística que se vai desenvolver ata finais de ano en máis de 70 vilas e cidades galegas en colaboración con oito editoriais.

O programa é moi variado, con oito propostas diferentes, e inclúe lectura, música, contacontos, teatro, xogos, pintura e outras actividades destinadas a impulsar o uso do galego entre os máis novos. Está destinado a unha franxa de idade entre os 4 e os 18 anos, polo que abrangue distintas intervencións en función da idade e prevé a participación de preto de 50.000 rapaces.

A través de acordos coas editoriais A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais, o departamento de Política Lingüística pretende favorecer o uso da lingua galega na franxa de idade máis nova, da que depende, en boa parte, o futuro do galego.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, definiu o programa como “unha das actuacións máis ambiciosas na dinamización infantil levada a cabo desde a Administración, e coa participación activa das editoriais galegas”. Explicou que “as actividades de dinamización destinadas á infancia son unha prioridade do noso departamento, porque é aí onde está o futuro do galego, porque os nenos e as nenas son os garantes da transmisión da lingua, e porque é na idade máis temperá na que se adquiren hábitos de lectura, e na que se deben fomentar as actitudes positivas cara ao galego”.

Marisol López concluíu asegurando que con este programa “chegamos a un sector da poboación no que “formaremos futuros lectores, que serán futuros falantes”.

Cantar e contar

A iniciativa de Kalandraka Editora artéllase arredor de dous eixes: a tradición e a oralidade. Dirixida a rapaces e rapazas de 4 a 11 anos, achegará sesións de contos e música, obradoiros de escrita creativa, un espazo de lectura e unha exposición de ilustracións e elementos orixinais. Estará presente en catro concellos galegos; as actividades prolongaranse en cada un deles ao longo de 15 días, e a primeira experiencia desenvolverase na Granxa de Briz, en Marín.

Contos en cantos

A editorial Oqo deseñou esta actividade para promover o uso do galego a partir do libro e da lectura, a música e o audiovisual. Contos, cancións karaoke e videoclips musicais son o soporte da actividade, que se vai desenvolver, a partir do 22 de setembro en Vigo, Ribadavia, Ourense, Vilalba, Gondomar Cambre e Santiago. En cada cidade permanecerá cinco días, con obradoiros, exposicións, concertos e agasallos.

Contos para falar

O proxecto da Editorial Rodeira diríxese aos tramos de idades de 3 a 8 anos e de 9 a 12, e inclúe contos e actividades adaptadas a cada grupo. Haberá arredor de 70 encontros nos meses de outubro e novembro, nos que pretenden achegarse a uns 6.000 rapaces e rapazas e tamén aos pais e nais dos máis pequenos.

Flis-fli-ris-flás

A Editorial Galaxia porá en marcha unha campaña de fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar a través dunha representación teatral axeitada á idade dos cativos de entre 6 e 7 anos de idade. Ademais da posta en escena de Flis-fli-ris-flás, o proxecto prevé a entrega, a todo o alumnado galego do primeiro ciclo de primaria, dun conto baseado na obra, cunha serie de propostas lúdicas para ofrecerlles aos pais e cun CD interactivo con recursos de apoio e actividades. Galaxia vai levar a iniciativa a 47 concellos, nos que se representarán 75 funcións.

Graffiti e letras

Rapaces de 12 a 14 anos son os destinatarios da actividade proposta por Edicións A Nosa Terra, que pretende dinamizar o uso do galego nesta etapa de idade desde unha perspectiva creativa, así como asociar o uso do galego coa modernidade, a cultura urbana e as expresións artísticas máis actuais, actividades de interese para esta franxa da poboación. En obradoiros duns 50 minutos de duración, os asistentes recibirán nocións básicas sobre os signos, as letras e a súa evolución e despois practicarán a técnica do graffiti da man do ilustrador Anxo Fariña.

Queremos saber!

A Coruña acollerá a actividade promovida por Baía Edicións. Será todos os venres e sábados a partir do 4 de outubro e ata o 22 de novembro, no centro comercial El Puerto. A campaña, que inclúe obradoiros e sesións de contacontos, diríxese a nenos e nenas maiores de catro anos.

Tardes coas aventuras de Paco Peco Pequeneiro

Este proxecto didáctico iniciarase o 10 de outubro e desenvolverase en Compostela, no Centro Comercial Área Central. Está destinado a nenos de entre 4 e 8 anos e consiste en sesións de contacontos e obradoiros baseados na colección infantil Paco Peco Pequeneiro, de Sotelo Blanco Edicións. Cada sesión terá unha duración de dúas horas e ademais dos contos haberá obradoiros creativos con materiais de refugallo.

Voces á orella

Xerais pon en marcha unha campaña consistente na realización de tres espectáculos de animación lingüística dirixidos á infancia e á mocidade. Remoldiño vai á feira da compañía Casahamlet, e dirixida a nenos de entre 3 e 8 anos, Os soños na gaiola, a cargo da compañía Trinke Trinke, para nenos de 9 a 14 anos; e O club da calceta, de Teatro do Morcego, para mozos e mozas ata 18 anos son as tres montaxes que se van representar en 24 vilas galegas a partir de outubro. Preténdese chegar a arredor de 4.700 alumnos e alumnas.

O orzamento total deste programa é de 621.000 euros, dos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega 570.000. Todas as actividades serán de balde e desenvolveranse tanto en horario escolar, en sesións concertadas cos centros de ensino, como durante as fins de semana, orientadas ás familias.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder