Por primeira vez, establécese unha relación laboral dos profesores lectores coa Universidade de Barcelona, na liña da política de mellora das condicións laborais deste persoal asumida por Marisol López
O acordo ten unha vixencia de dous anos, durante os que a Secretaría Xeral de Política Lingüística fará unha achega de 39.000 euros para contribuír á realización das actividades de difusión da lingua e da cultura galegas
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Barcelona renovan o seu acordo de colaboración para promover a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. Así o establece o novo convenio aprobado hoxe no Consello da Xunta, para o curso académico 2008-2009.
A principal novidade do convenio é a transformación da relación laboral dos lectores coa Universidade de Barcelona, que neste novo marco de colaboración pasan a ser contratados, con dedicación a tempo parcial, da propia universidade. Este compromiso adquirido pola institución académica catalá é o resultado da liña de negociacións asumida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para mellorar a situación dos lectores e lectoras espallados por universidades de todo o mundo e, ao mesmo tempo, afianzar a situación da lingua galega neses contextos.
Neste mes de outubro, a Secretaría Xeral de Política Lingüística subscribiu convenios coa Universidade de Deusto (Bilbao) e mais coa de Santa Bárbara (California) que tamén permitirán a contratación do profesorado lector.
A colaboración asinada coa Universidade de Barcelona permite darlles continuidade aos estudos de galego e promover a organización de actividades de investigación, promoción e difusión da lingua. A contía achegada pola Xunta de Galicia para ese fin ascende a 39.000 euros. A Universidade de Barcelona é a única universidade de fóra de Galicia que incorpora no seu plan de estudos a licenciatura en Filoloxía Galega.
Fonte: Xunta de Galicia



