Noticias

Política Lingüística impulsa a galeguización das empresas de servizos nupciais a través do proxecto
14 de octubre de 2008

Política Lingüística impulsa a galeguización das empresas de servizos nupciais a través do proxecto "DeVodas"

Esta iniciativa nace para aproveitar sinerxías neste ámbito empresarial e para promover a normalización lingüística nun sector en auxe
Arredor de 40 empresas integran esta nova organización, que presentará os seus produtos e servizos os vindeiros 25 e 26 de outubro nunha mostra
A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia o proxecto con 40.000 euros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa a galeguización das empresas de servizos nupciais a través do proxecto DeVodas, unha iniciativa promovida por 40 empresas do sector que asumen un compromiso co uso do galego no desenvolvemento cotiá da súa actividade empresarial. A subdirectora xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal, participou na presentación desta iniciativa, da que forman parte florerías, xoierías, salóns de peiteado, tendas de traxes de noivos, negocios de restauración, de música, de fotografía e audiovisual, e de agasallos, entre outras.

Co lema Casa co galego, DeVodas comprométese a que todas as comunicacións verbais e escritas, incluíndo o material promocional que as empresas porán á disposición do público, serán en galego. Trátase dunha acción pioneira neste ámbito, para contribuír á promoción da lingua propia tanto entre as empresas do sector como nos usuarios e clientes. A Secretaría financia este proceso de normalización lingüística cun investimento de 40.000 euros.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoiou desde o primeiro momento esta iniciativa, que dá resposta a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega: aproveitar que a maioría da sociedade utiliza o galego en gran parte das súas relacións cotiás. Neste sentido, a subdirectora xeral de Política Lingüística referiuse aos contactos que está a manter o departamento con distintos ámbitos da empresa en Galicia e que xa están a dar os seus froitos. Empresas de tecnoloxías da información e da comunicación, de telefonía móbil, de construción naval ou adegas galegas xa asumiron este compromiso que, segundo demostran os resultados, vén supor unha vantaxe competitiva no mercado.

O proxecto DeVodas disporá dunha páxina web informativa e presentará os seus produtos e servizos os vindeiros días 25 e 26 de outubro en Santiago.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder