Noticias

Política Lingüística promove a aprendizaxe e a proxección exterior do galego na feira Expolingua de Berlín
17 de noviembre de 2008

Política Lingüística promove a aprendizaxe e a proxección exterior do galego na feira Expolingua de Berlín

A Xunta de Galicia ofreceu información sobre a rede de lectorados no expositor que entre o venres e o domingo estivo instalado no encontro que se celebra en Alemaña

Douscentos expositores de máis de 30 países danse cita na vixésima primeira edición da Expolingua, unha plataforma especializada na divulgación de produtos e servizos relacionados coa aprendizaxe e o ensino de idiomas

Nesta exposición están representadas máis de 50 linguas do mundo

A promoción da lingua galega e a súa proxección exterior a través da rede de lectorados e doutros centros dedicados a fomentar a súa aprendizaxe constitúen os eixes centrais da participación da Secretaría Xeral de Política Lingüística na Expolingua de Berlín, que se celebrou entre o pasado venres 14 e o domingo 16 de novembro na capital de Alemaña. Na vixésima primeira edición deste encontro internacional, especializado na difusión de produtos e servizos relacionados coa aprendizaxe e o ensino de idiomas e coa educación cultural, déronse cita douscentos expositores de máis de 30 países diferentes.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva anos acudindo a esta feira de Alemaña, que se desenvolveu na Casa Rusa das Ciencias e das Culturas. Nesta ocasión, a Xunta compartiu expositor co Goberno vasco. No espazo reservado para Galicia, os visitantes puideron atopar información sobre a rede de proxección exterior da lingua e principalmente sobre os centros de estudos e as cátedras, entre outros lugares, nos que é posible aprender galego e achegarse á cultura de Galicia.

Do mesmo xeito, as persoas que visitaron o expositor de Política Lingüística puideron coñecer de preto o funcionamento e os programas de aprendizaxe que ofertan os centros de estudos galegos que funcionan nas universidades alemás de Berlín, Heidelberg, Trier, Tubinga e Kiel. Despois de España, Alemaña é o país europeo onde máis centros de estudos galegos existen. No expositor tamén se puideron consultar publicacións promovidas polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, entre outros contidos.

Na presente edición da Expolingua de Berlín estiveron representados máis de 50 idiomas do mundo. Este encontro conta cunha asistencia media anual de 15.000 persoas, entre as que se atopan maioritariamente estudantes, profesores, catedráticos, tradutores e intérpretes. Polo que atinxe aos expositores, participan desde administracións públicas ata universidades, escolas de idiomas, embaixadas, institutos de cultura, editoriais e fabricantes de software especializado na aprendizaxe e tradución asistida por ordenador, entre outros.

Actividades paralelas
De forma paralela á exposición, Expolingua ofrécelles aos visitantes a posibilidade de participar en obradoiros, presentacións, cursos de idiomas e proxeccións de películas, entre outras actividades.

A vixésima primeira edición da Expolingua coincide coa celebración do Ano Europeo do Diálogo Intercultural e o Ano Internacional das Linguas, conmemoracións ás que a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén se sumou coa organización da exposición itinerante As nosas palabras, os nosos mundos, que o vindeiro mércores 19 de novembro se inaugurará no Círculo de Bellas Artes de Madrid.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder