Preto de douscentos puntos de venda de toda Galicia distribuirán películas, series e documentais en lingua galega en formato DVD
Marisol López reiterou o compromiso do seu departamento coa promoción de medidas que contribúan a facer máis visibles no mercado as obras audiovisuais en galego
Entre as producións que se puxeron á venda estes días atópanse documentais premiados pola súa calidade, como Historias de Galicia, e longametraxes e series dirixidas ao público infantil como Os vixilantes do Camiño e Planeta Fantasía
Incrementar a produción e a promoción de obras audiovisuais en lingua galega, dirixidas principalmente ao público infantil e xuvenil, é o obxectivo fundamental do acordo que veñen de asinar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Compañía da Radiotelevisión de Galicia (CRTVG). Esta colaboración fixo posible, entre outras accións, a saída ao mercado nestes días de novos produtos audiovisuais en formato DVD que se distribuirán a través de expositores instalados en 177 puntos de venda de toda Galicia, entre centros comerciais, librarías e outros establecementos, e que tamén se poderán adquirir na páxina web da CRTVG.
Por unha banda, os espectadores poderán atopar no mercado oito títulos de películas dobradas ao galego pola TVG. Tamén se distribuirán en formato doméstico a serie Planeta Fantasía, a longametraxe Os vixilantes do Camiño e a serie documental Historias de Galicia.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou en Santiago estas novas producións audiovisuais financiadas polo seu departamento, nun acto no que tamén participaron o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, e o director de Comunicación e Relacións Públicas de El Corte Inglés, José Manuel Blanco.
Un sector clave
Marisol López fixo fincapé na importancia que ten o sector audiovisual no proceso de normalización lingüística e amosou o compromiso do seu departamento coa promoción de medidas encamiñadas a aumentar a presenza do galego nese ámbito. A responsable autonómica referiuse á Televisión de Galicia como “un dos axentes máis importantes para a difusión da lingua galega, que desempeña un papel clave no sector empresarial relacionado coa comunicación”.
Na mesma liña, Marisol López subliñou que o acordo subscrito “contribuirá a engrosar o catálogo de produtos audiovisuais en galego para os máis pequenos e a promover e facer máis visible ese catálogo”.
Compromisos
No acordo de colaboración asinado, a CRTVG comprométese a realizar todas as xestións necesarias para a produción, promoción e xestión de dereitos de propiedade intelectual e industrial, entre outros, dos produtos audiovisuais mencionados, así como a difundir informacións relativas a esas obras. Mentres tanto, Política Lingüística adquire o compromiso de facilitar apoio e asesoramento técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos relacionados coas iniciativas comprendidas nos convenios.
Entre os títulos que se distribuirán en DVD en preto de douscentos puntos de venda de Galicia, figuran a serie documental Historias de Galicia, unha produción da TVG patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que obtivo numerosos recoñecementos e na que se fai un percorrido polos acontecementos máis relevantes sucedidos en Galicia ao longo dos séculos. Ademais, o popular personaxe infantil Xabarín é o protagonista da longametraxe Os vixilantes do Camiño, e a serie Planeta Fantasía convida a facer unha viaxe pola literatura infantil galega dan man dos cosmonautas Fiúncho, o comandante Gaga, Pecas e Merliño.
Fonte: Xunta de Galicia



