Noticias

A presenza do galego en feiras internacionais amplíase este ano a The Language Show, que se celebra en Londres
31 de octubre de 2008

A presenza do galego en feiras internacionais amplíase este ano a The Language Show, que se celebra en Londres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta as últimas novidades para a aprendizaxe do galego nun expositor que comparte co Goberno Vasco

Catro centros de estudos galegos ofrecen a posibilidade de aprender lingua e cultura galegas nas universidades daquel país

A feira está dirixida a estudantes, docentes, lingüistas e a todas as persoas interesadas en traballar no ámbito da aprendizaxe de idiomas

A lingua galega estará presente desde o 31 de outubro ata o 2 de novembro na feira británica dos idiomas, The Language Show, un lugar de encontro para todas as persoas que estudan, ensinan, traballan ou están interesadas no sector da aprendizaxe de linguas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística sumouse este ano por primeira vez a este evento, ampliando deste xeito a súa participación nas feiras internacionais de idiomas, que ata agora se cinguía ás que se celebran anualmente en París, Berlín e Lisboa.

The Language Show conta con aproximadamente 160 expositores doutras tantas institucións e entidades relacionadas coa aprendizaxe de linguas, e está previsto que durante os tres días da feira se desenvolvan no recinto londiniense de Olympia uns 80 seminarios con cursos intensivos, charlas arredor dos métodos de aprendizaxe etc. Ademais, a feira préstalle unha atención especial ao mercado de traballo deste sector, cun espazo específico para facilitar o contacto e as entrevistas laborais entre demandantes e xeradores de emprego. A organización prevé que, durante estes tres días, pasen polo recinto máis de 10.000 persoas.

Nesta ocasión, a Xunta de Galicia comparte espazo co Goberno Vasco, dentro do marco de colaboración estable que manteñen os dous departamentos de política lingüística para intercambiar información e xuntar esforzos na proxección exterior do galego e do éuscaro.

A profesora lectora de lingua e cultura galegas na Universidade de Oxford, María Liñeira, traballa xunto con outros técnicos no expositor da Secretaría Xeral de Política Lingüística para facilitar todo tipo de información sobre a lingua galega e sobre as posibilidades para a súa aprendizaxe, tanto no Reino Unido como en calquera parte do mundo. Un total de catro centros de estudos galegos –Oxford, Birmingham, Bangor e Stirling- ofrecen a posibilidade de estudar galego en universidades británicas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder