Noticias

Preto de 600 persoas matriculáronse nas probas para a obtención do Celga 3, que se realizaron o pasado sábado en dez cidades
24 de noviembre de 2008

Preto de 600 persoas matriculáronse nas probas para a obtención do Celga 3, que se realizaron o pasado sábado en dez cidades

Estes exames realizáronse nas escolas de idiomas das principais cidades galegas e tamén en universidades de Barcelona, Granada, Madrid, Tubinga e Montevideo

Vigo e A Coruña son as localidades nas que se rexistrou o maior número de aspirantes inscritos no nivel 3

As probas para a obtención dos Certificados de Lingua Galega correspondentes aos niveis 2 e 1 leváronse a cabo o 29 de novembro e o 13 de decembro

Dez cidades, situadas en Galicia e noutros puntos do Estado e do estranxeiro, acolleron o pasado sábado a realización das probas de obtención dos Certificados de Lingua Galega (Celga) correspondentes ao nivel 3. Un total de 586 persoas inscribíronse nesta convocatoria. En Galicia, os exames leváronse a cabo nas sedes coas que conta a Escola Oficial de Idiomas nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Fóra de Galicia, as probas de Celga 3 fixéronse na Universidade Autónoma de Barcelona, na Universidade de Granada, no Espazo das Linguas de Madrid, na Universidade da República Oriental do Uruguai, con sede en Montevideo; e na Universidade de Tubinga, en Alemaña.

Seguintes convocatorias
En vindeiras fins de semana realizaranse outras probas para a obtención dos Celga. Así, o sábado 29 de novembro levaranse a cabo os exames do nivel 2, nos que se inscribiron 384 persoas. Por outra parte, o 13 de decembro terán lugar as probas do Celga 1, nas que figuran 323 aspirantes matriculados.

Ata o momento, os únicos exames que se realizaron dentro desta última convocatoria foron os do nivel 4, que tiveron lugar o pasado 15 de novembro nas principais cidades galegas e noutros puntos do Estado e do estranxeiro.

Nesta convocatoria e entre os catro niveis existentes son preto de 2800 persoas as que aspiran a facerse co Certificado de Lingua Galega. O Celga é un sistema de certificación adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas que lles concede prioridade ás habilidades comunicativas en galego por riba dos enfoques gramaticalistas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder