Noticias

Profesores de galego de todo o mundo participan en Santiago nunha xuntanza sobre tecnoloxías aplicadas á docencia
29 de diciembre de 2008

Profesores de galego de todo o mundo participan en Santiago nunha xuntanza sobre tecnoloxías aplicadas á docencia

O encontro desenvólvese o luns 29 e o martes 30 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación e nel participarán máis de 30 lectores dos centros de estudos galegos de 18 países

Os relatores que intervirán nestas xornadas son profesionais do ámbito do ensino e especialistas na elaboración de materiais educativos para internet

A construción de blogues educativos e doutras ferramentas en rede para impartir docencia en galego son algúns dos temas que figuran no programa destas sesións

Os máis de 30 lectores que conforman a rede de proxección exterior da lingua galega reuniranse o luns 29 e o martes 30 de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela para participar na segunda xuntanza que realizan este ano. Estas xornadas están organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística baixo o título “Aplicación das tecnoloxías web á docencia nos lectorados de galego”. Profesionais do ámbito do ensino e con experiencia na posta en marcha de recursos educativos na rede serán algúns dos relatores que intervirán neste encontro.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, asistirá o luns, ás 9 da mañá, ao comezo da xuntanza. Entre os asuntos que se abordarán nestas xornadas figuran a aplicación de blogues didácticos ao ensino nos lectorados de galego, a construción de blogues educativos e o estado actual desta cuestión ou a elaboración de actividades para a web e vídeos educativos, entre outros temas. Os asistentes tamén participarán nun obradoiro de creación dun blogue colaborativo.

Na segunda sesión desta xuntanza, a do martes, os lectores porán en común cuestións e impresións relativas ao seu traballo nos centros de estudos galegos no exterior. As xornadas clausuraranse o martes ás 14.00 horas, logo dun debate no que os profesores recapitularán os asuntos tratados e farán propostas de formación para o vindeiro encontro.

Unha xuntanza por semestre
Os lectores de galego realizan dúas xuntanzas anuais, a última produciuse o verán pasado. Tamén en xullo deste ano Santiago de Compostela acolleu un encontro dos responsables dos centros de estudos e cátedras de galego de todo o mundo.

A rede de proxección exterior do galego conta con máis de 30 lectores profesores repartidos entre 18 países.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder