Noticias

 Remata o prazo para solicitar subvencións dirixidas a potenciar o uso do galego nos centros de ensino públicos
06 de octubre de 2008

Remata o prazo para solicitar subvencións dirixidas a potenciar o uso do galego nos centros de ensino públicos

* Política Lingüística destina un millón de euros a esta convocatoria, o que supón un incremento de 200.000 euros respecto da contía establecida no pasado exercicio
* O prazo para entregar as solicitudes remata o 6 de outubro
* O financiamento máximo para os centros con máis de 50 alumnos e alumnas será de 2.500 euros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou en setembro pasado subvencións por un importe total de un millón de euros para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino non universitario de Galicia que dependen da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O luns, 6 de outubro, remata o prazo establecido para a presentación das solicitudes de axudas con cargo a esta convocatoria.

As solicitudes deberán remitirse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presentaranse, preferentemente, nos rexistros destas delegacións ou tamén en calquera outro rexistro administrativo propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia. A data de entrada válida é a de entrada nalgún dos rexistros, non considerándose válida a data de saída do rexistro do centro de ensino.

O financiamento máximo para os centros con máis de 50 alumnos e alumnas será de 2.500 euros, 600 euros para os que conten cun número de estudantes de entre 25 e 50, e 400 euros para os centros con menos de 25 alumnos.

Incremento
Nesta edición, Política Lingüística decidiu incrementar en 200.000 mil euros a contía destinada a esta liña de subvencións respecto da asignada o ano pasado, co obxectivo de achegar máis recursos e beneficiar máis centros.

Por outra banda, o departamento que dirixe Marisol López, tendo en conta a petición feita por parte dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino, acordou adiantar este curso a publicación da convocatoria de axudas para que colexios e institutos poidan dese xeito planificar as súas iniciativas cun orzamento pechado xa na primeira parte do período académico. Ademais, os centros adxudicatarios dos incentivos recibirán, no mes de decembro, un anticipo da cantidade concedida.

Para resolver a adxudicación das axudas terase en conta, fundamentalmente, a calidade dos proxectos, que terá un peso do 80 por cento, e ponderarase tamén o número de estudantes de cada centro.

Na resolución publicada a comezos de setembro no Diario Oficial de Galicia, establécese que os criterios de calidade que se avaliarán serán: a implicación activa dos distintos membros da comunidade no proxecto, a orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais da lingua, a potenciación das competencias activas sobre as pasivas, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade, a utilización de novas tecnoloxías, a colaboración con outros organismos alleos ao centro, a diversificación de actividades e a realización de proxectos plurianuais.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder