Noticias

A secretaria xeral de Sanidade asegurou que a sanidade galega apoia e facilita o proceso de normalización do uso do galego
26 de septiembre de 2008

A secretaria xeral de Sanidade asegurou que a sanidade galega apoia e facilita o proceso de normalización do uso do galego

A secretaria xeral da Consellería de Sanidade destacou que hai varias actuacións postas en marcha como o Plan de normalización da linguaxe na Sanidade galega ou unha comisión de traballo específica para Sanidade dependente da Comisión Interdepartamental para a Normalización Lingüística

A secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Pilar Fernández Romero, destacou que “a vontade da Consellería de Sanidade no cumprimento do Plan xeral de normalización da lingua galega, é firme e traballamos cara á efectiva incorporación do idioma galego á sanidade”. Neste liña, a secretaria xeral destacou “o especial esforzo que está a facer esta Consellería por dotar a Sanidade pública galega con ferramentas lingüísticas que apoien e faciliten o proceso de normalización do uso da lingua galega”.

Así o salientou Fernández Romero na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia onde engadiu que precisamente “este compromiso tivo a súa plasmación na execución de actuacións concretas e xa están contempladas dende o inicio do Goberno e así se reflectiu nas Directrices da Política Sanitaria de Galicia 2005-2009, aprobadas polo Consello da xunta de Galicia o 27 de novembro de 2005”. Nestas directrices incluíuse o proxecto denominado Plan de normalización da linguaxe na Sanidade galega, “que ten por obxecto garantir o efectivo exercicio dos dereitos recoñecidos na lexislación sanitaria, e unha maior presenza da lingua galega nas distintas actividades vinculadas ao eido da saúde”.

Pilar Fernández Romero tamén destacou que en novembro de 2005 a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde emitiron unha instrución conxunta sobre o emprego do galego nos documentos da Consellería de Sanidade na que se recolle a obriga de empregar o galego nas comunicacións escritas, orixinais ou normalizadas, unha obriga que se estendeu á publicacións, documentación informativa, cartelería, folletos ou boletíns elaborados por ambas as dúas institucións. A tales efectos foise procedendo á adaptación da documentación correspondente e tamén dos programas informáticos. Así, os impresos normalizados ou aqueles que empregasen medios electrónicos ou telemáticos, de carácter repetitivo, deberían estar dispoñibles nas linguas galega e castelá.

A secretaria xeral da Consellería de Sanidade destacou que a data de hoxe “todos os computadores dispoñen do denominado pack lingüístico en galego, tanto para o sistema operativo, como para o paquete de ofimática Microsoft Office; tamén os programas propios da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde, como é o IANUS, dispoñen da opción en galego, facilmente elixible por parte do usuario ou usuaria, dende o menú de entrada á aplicación”. No caso de programas adquiridos pola Consellería de Sanidade ou o Servizo Galego de Saúde, que teñen licenzas comerciais pechadas e que non dispoñían da opción de idioma galego, como é o caso do Programa de enfermería, estase abordando a compra dunha versión desta aplicación, que si contempla a opción do idioma galego.

Corrector ortográfico galego especializado
Con este obxecto, a Consellería de Sanidade asinou en xaneiro de 2007 un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que desenvolve a través do Centro de Investigación Ramón Piñeiro, un proxecto no que se abordan en tres fases sucesivas varias accións como a elaboración das listaxes de formas flexionadas a partir do lemario galego actual, a elaboración da listaxe de palabras de ámbito médico para engadir ao subconxunto anterior, e a confección e desenvolvemento do módulo de suxestións normativas.

Nesta mesma liña, atópase o Convenio para a elaboración e edición dun Vocabulario de medicina que se está a tramitar coa Universidade de Santiago. O seu obxecto é a potenciación do uso do galego, que se dirixe especialmente á área de ciencias da saúde, para elaborar e distribuír un vocabulario técnico-profesional, que axude ao correcto uso do idioma entre os profesionais da saúde.

Ademais, no ámbito da Comisión Interdepartamental para a Normalización Lingüística constituíuse a Comisión de traballo de Sanidade para realizar unha diagnose da situación do idioma, delimitando os puntos fortes e débiles e establecendo unha xerarquía dos problemas e necesidades cara á súa solución ou satisfacción. Tamén co obxecto de seleccionar, definir e propor, así como propoñer a infraestrutura e os recursos necesarios para levalas a cabo; determinar un sistema de avaliación dos obxectivos fixados que permita comprobar a súa consecución e a revisión periódica; e ademais elaborar o informe final que acadará o rango de plan de normalización lingüística do departamento ou órgano superior.

Pilar Fernández Romero tamén destacou que na actividade editorial-divulgativa realizada, pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, no período comprendido entre o ano 2005 e 2008, dun total de 683 publicacións, o 86 por cento publicáronse en galego. Ademais, a través da Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), programáronse un total de 18 actividades formativas dirixidas ao coñecemento, fomento e correcto emprego do Galego, nas que se impartiron 490 horas lectivas a preto de mil persoas.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder