Noticias

Touriño destaca que o galego é un factor de “unidade e de identificación colectiva” durante a sinatura dun convenio con Aclunaga
29 de octubre de 2008

Touriño destaca que o galego é un factor de “unidade e de identificación colectiva” durante a sinatura dun convenio con Aclunaga

O titular do Goberno de Galicia presidiu a sinatura dun convenio entre a Xunta e a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) para a promoción da lingua galega no sector

Lembra que “o idioma galego é un dos grandes distintivos de Galicia”, comparable “á ría de Vigo, á Catedral de Santiago ou á Costa da Morte”, en definitiva “un dos principais constitutivos da identidade de Galicia”

Marca como obxectivo lingüístico do Goberno galego conseguir que “as xeracións que están hoxe a estudar en Educación infantil, Primaria e Secundaria sexan as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia”

Asegura que “son cada vez máis numerosas as empresas actuantes en Galicia que queren sumarse ao empeño colectivo de recuperar e dignificar a lingua galega”

Xustifica que “o galego precisa de apoios e de esforzos dos que, afortunadamente non precisa o castelán”

Promete non baixar a garda e seguir traballando cos axentes sociais para “plantarlle cara á crise” con todos os medios e coa forza da “unidade, o consenso, a capacidade de negociación o acordo e a vontade de superar esta situación”

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, destacou que o galego é un factor de “unidade e de identificación colectiva” na Comunidade Autónoma, e rexeitou polémicas entre o galego e o castelán: “a elección está clara, os dous”. O titular da Xunta fixo estas declaracións tras presidir o martes 28 de outubro en Vigo a sinatura dun convenio entre a Xunta e a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga).

O máximo mandatario galego precisou que este non é o primeiro convenio que a Xunta de Galicia asina con “empresas sobranceiras e actuantes en Galicia”, senón que aquelas que hoxe asinan este convenio se unen a unha longa lista de firmas “do máis alto nivel e recoñecemento” que están “decididas a impulsar e promover o galego no mundo empresarial”, así como a “sumarse ao empeño colectivo de recuperar e dignificar a lingua galega”, entre as que se contan “relevantes adegas galegas, ata holdings multinacionais da comunicación, como Microsoft, Dell ou HP”, indicou.

Emilio Pérez Touriño asegurou que en Galicia existe “un amplísimo consenso social arredor da lingua”, pois a “inmensa maioría dos galegos, sen distingos ideolóxicos, políticos ou sociais, quere que o galego sexa un idioma vivo e operativo, presente e normalizado en todos os ámbitos da vida do país”, afirmou. “Quero dicir aquí, con total claridade o debate non é entre o galego e o castelán. O obxectivo de Galicia hoxe non pode ser que nos dediquemos a polemizar entre galego e castelán, porque a ese respecto a elección está claro: galego e castelán, os dous”, remarcou.

Neste sentido, Touriño apelou a brindar toda axuda á lingua propia de Galicia, xa que o galego “precisa de apoios e de esforzos dos que, afortunadamente, non precisa o castelán”, apuntou, explicando que son necesidades derivadas das “circunstancias históricas e as concepcións centralistas de España, que situaron ao galego nunha situación anómala, nunha situación de inferioridade e falta de recoñecemento”.

O presidente da Xunta lembrou que “o idioma galego é un dos grandes distintivos de Galicia”, comparable “á ría de Vigo, á Catedral de Santiago ou á Costa da Morte”, en definitiva “un dos principais constitutivos da identidade de Galicia,” ademais “dun factor de unidade e de identificación colectiva”, do que é consciente toda a sociedade galega e por iso, indicou Touriño “son moi poucos os que queren converter ese elemento de unión nunha divisoria infranqueable ou nunha ferramenta para a disputa, o conflito ou a segregación educativa e social”, precisou. Por esta razón, subliñou, que “como galegos sensatos”, “non podemos “mostrarnos indiferentes cara ao presente e co futuro da lingua galega”.

Educando as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia
O máximo responsable do Goberno autonómico indicou que o “obxectivo lingüístico do Goberno galego é “conseguir que as xeracións que están hoxe a estudar Educación Infantil, Primaria e Secundaria sexan as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia”, e que “saiban desenvolverse perfectamente en castelán, galego, en inglés e noutros idiomas estranxeiros”. Un obxectivo, que pola súa importancia no futuro nos seguirá esixindo “formación, profesionalidade, coñecemento e competitividade”, destacou Touriño, quen asegurou que grazas á “educación bilingüe en galego e castelán” estas xeracións “van ver favorecida a súa aprendizaxe doutras linguas, como o portugués, o francés e o italiano”.

Por este motivo, Pérez Touriño situou o verdadeiro debate, no plurilingüismo e non “nunha suposta batalla entre galego e castelán que a convivencia cidadá desmente diariamente”. Así o presidente da Xunta confesou sentirse orgullo das políticas públicas postas en marcha “para que os fillos dos traballadores poidan viaxar ao estranxeiro no verán para aprender inglés ou francés”, anteriormente só permitidas ás familias de rendas máis altas; ou que “cada ano sexa máis e máis alto o número de colexios do sistema público educativo que ofrecen aulas bilingües ou que incorporan á súa oferta docente programas de anticipación para a aprendizaxe temperá de linguas estranxeiras”; así como da crecente demanda e oferta de prazas nas Escolas Oficiais de Idiomas, garantindo que “hoxe todo cidadán que queira aprender idiomas ten oferta pública suficiente para poder facelo”, puntualizou.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder