Noticias

Uns 250 docentes galegos adquiren formación en seccións bilingües e intercambian experiencias relacionadas co plurilingüismo
10 de noviembre de 2008

Uns 250 docentes galegos adquiren formación en seccións bilingües e intercambian experiencias relacionadas co plurilingüismo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza unha xornada sobre a aprendizaxe integrada de contidos e lingua, que se celebrou no Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago de Compostela

Unha sección bilingüe consiste na ensinanza dunha área ou materia non lingüística de xeito bilingüe

Na Comunidade galega desenvólvense 665 seccións en 190 centros

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria celebrou o pasado día 8 de outubro no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Santiago de Compostela a xornada O modelo CLIL, Aprendizaxe integrada de contidos e lingua. Uns 250 docentes participaron nesta actividade, que ten por obxectivo proporcionar información e formación inicial ao novo profesorado participante nas seccións bilingües, así como presentar e intercambiar experiencias relacionadas co fomento do plurilingüismo.

A xornada abriuse ás 10,30 horas coa intervención de Carmen Pérez Vidal, profesora titular de Filoloxía inglesa do Departamento de Tradución e Filoloxía da Universtitat Pompeu Fabra, co relatorio Multilingüismo á europea. Aprender contidos. Adquirir linguas. Coñecer culturas. Deste xeito, Pérez Vidal abordou a importancia das linguas no novo espazo europeo. A continuación, Isabel Pérez Torres, profesora de inglés no Instituto de Educación Secundaria (IES) Moraleda de Zafayona, de Granada, e doutora pola Universidade de Granada, analizou o uso de recursos e ferramentas dixitais na elaboración de materiais para a aprendizaxe integrada de linguas.

Xa pola tarde, distintos docentes expuxeron as súas experiencias, e membros do equipo pedagóxico dos portais Educainglés e Educafrancés, presentaron estes recursos multimedia. A xornada pechouse coa intervención de Xabier San Isidro, asesor de Linguas Estranxeiras da Consellería, que abordou a situación actual das seccións bilingües na Comunidade galega.

Importante incremento
Unha sección bilingüe é a organización da ensinanza dunha área ou materia non lingüística da educación primaria, da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou bacharelato, ou dun módulo de Formación Profesional específica, que se cursa cun grupo de alumnos dun xeito bilingüe: en galego ou castelán, segundo corresponda de acordo coa normativa vixente en materia de normalización lingüística, e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea. A súa finalidade é reforzar a aprendizaxe da lingua estranxeira a través da incorporación parcial do seu uso como vehículo de comunicación na área, materia ou módulo en que se desenvolve, así como a adquisición da terminoloxía específica.

Este curso 2008/09 un total de 190 centros da Comunidade galega desenvolven 665 seccións bilingües, fronte aos 114 centros e as 332 seccións do curso pasado. O importante incremento do número de seccións e centros que as desenvolven en Galicia levou á CLIL Cascade Network, organismo internacional financiado pola Comisión Europea dentro do programa Lifelong Learning, a invitar a Comunidade galega a explicar por primeira vez a súa experiencia nun congreso celebrado en Tallin o mes pasado.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder