A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa na Feira das Industrias Culturais con esta instalación participativa de dinamización lingüística
As actividades de animación lingüística promovidas por este departamento coa colaboración das editoriais galegas terá tamén protagonismo neste foro
O Contador, outra das iniciativas desenvolvidas nos espazos públicos para fomentar a creatividade oral en lingua galega, tamén se presentará na feira
A Cova, o xogo das palabras encadeadas en versión tecnolóxica que durante o último mes percorreu distintas cidades galegas, recala desde o xoves 4 de decembro e ata o domingo 7 no Palexco da Coruña para participar na Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal. A Secretaría Xeral de Política Lingüística situará a instalación na zona de benvida da feira para que todos os asistentes poidan pasar por ela e deixar a súa palabra.
A Cova está dirixida a persoas de todas as idades e ten como obxectivo a construción dunha cadea de palabras con todas as achegas dos participantes. O Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (Volga) é a ferramenta que se emprega para garantir a corrección dos vocábulos que se van engadindo á cadea.
Durante a xornada do venres, as persoas que se acheguen levarán como agasallo unha camiseta estampada cun graffiti da palabra elixida.
A instalación, inspirada no mito da caverna de Platón, permaneceu en diferentes espazos públicos de moito tránsito peonil das cidades de Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo e Lugo. Preto de 3.000 persoas participaron coa súa palabra neste xogo.
Flis-fli-ris-flás
As actividades de animación lingüística promovidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración das editoriais galegas terá tamén cabida en Cultur.gal. Xunto cos representantes da Editorial Galaxia, a secretaria xeral, Marisol López, presentará o venres, día 5, ás 11:30 horas, a obra Flis-fli-ris-flás, que se está representando en distintas vilas e cidades galegas para nenos e nenas de primeiro ciclo de Primaria.
O Contador
Outra das experiencias promovidas por Política Lingüística no eido da dinamización lingüística será tamén presentada nesta feira. Trátase do Contador, unha iniciativa desenvolvida tamén en espazos públicos durante os últimos meses para fomentar a creatividade e a espontaneidade en lingua galega e aproveitar a riqueza oral do idioma e as súas variantes dialectais. Desenvolvida pola empresa Eme2, chegou a trinta concellos galegos nos que se elaborou un conto colectivo entre os veciños e transeúntes.
Fonte: Xunta de Galicia



