A instalación A Cova, que lles permite aos visitantes contribuír de forma activa á construción dunha cadea xigante de palabras, permanecerá instalada na rúa Urzáiz de Vigo desde o venres 21 ata o domingo 23
No Centro Cultural de Oroso desenvolverase o venres 21 pola tarde o último dos Encontros dos Axóuxeres deste ano, programa que se retomará a partir de xaneiro noutras 16 vilas de Galicia
Centos de persoas participaron nas sesións que xa se levaron a cabo noutros concellos de Galicia destas dúas iniciativas promovidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística
Vigo e Oroso acollerán esta fin de semana dúas iniciativas de dinamización da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Por unha banda, a instalación interactiva A Cova permanecerá aberta ao público na rúa viguesa de Urzáiz desde o venres 21 de novembro ata o domingo, día 23. Esta montaxe, que forma parte da campaña “En galego, tes todo por vivir. Tócache!”, é unha versión adaptada ás novas tecnoloxías do xogo das palabras encadeadas e está pensada para que participen nela persoas de todas as idades. Polo que atinxe ao concello de Oroso, será o Centro Cultural desta vila o que servirá de escenario para o desenvolvemento da última sesión neste ano dos Encontros dos Axóuxeres. Este espectáculo, encamiñado a potenciar o uso da lingua galega no ámbito familiar, levarase a cabo o venres a partir das 18.00 horas.
Centos de persoas participaron nas diferentes sesións que tanto de A Cova como dos Encontros dos Axóuxeres xa se desenvolveron noutras vilas de Galicia. Desde a súa posta en marcha, a versión moderna do xogo das palabras encadeadas recalou nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense. Logo do seu paso por Vigo, A Cova rematará a súa itinerancia na praza Maior de Lugo, onde chegará os días 28, 29 e 30 de novembro.
Pola súa parte, os Encontros dos Axóuxeres, nos que bebés e cativos desempeñan un papel protagonista, iniciaron a súa andaina en outubro en Carballo para continuar logo por Melide, Mondoñedo, Ribadeo, Burela, Ortigueira, Ribadavia e Celanova. Oroso é a última escala que fai o programa este ano; a partir de xaneiro retomaranse as funcións noutras 16 vilas de Galicia.
Cadea xigante
A Cova é unha instalación de última tecnoloxía na que se recrea o mito da caverna de Platón. Nela, os visitantes poden interactuar coa linguaxe e achegar palabras coas que se construirá unha cadea xigante. Para garantir a corrección dos vocábulos empregados, cóntase coa base de datos do Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga).
Espectáculo para os máis pequenos
Os Encontros dos Axóuxeres convidan a facer unha viaxe polo mundo dos sentidos, nunha montaxe na que a música actúa de fío condutor, con cinco cancións compostas expresamente para este proxecto. Cada un dos temas musicais introduce un xogo ou unha dinámica para que interactúen os pais e as nais cos seus bebés e cativos.
A cantante e artista Elena Paz é a encargada de conducir cada un dos Encontros dos Axóuxeres, nos que tamén interveñen outros músicos e actores. Outra peza imprescindible destas montaxes chámase Totó, que é un boneco inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras. A produción deste espectáculo recae na empresa Galitoon.
As funcións están especialmente deseñadas para un público composto por bebés e cativos de 1 a 5 anos de idade, e para os seus pais e nais. Duran unha hora e desenvólvense en espazos pechados cunha capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus acompañantes).
As familias interesadas en participar nesta iniciativa deben inscribirse sempre previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879. A inscrición previa obedece ás limitacións de capacidade esixidas polas características do espectáculo.
Información
Todos os detalles sobre esta iniciativa promovida polo departamento que dirixe Marisol López poden consultarse no enderezo www.xunta.es/linguagalega/encontros_dos_axouxeres_2008
Nese mesmo espazo virtual, cabe a posibilidade de descargar as letras das cancións compostas para os Encontros, e de escoitalas, posto que outro dos obxectivos que persegue esta experiencia é a de facilitar que os pais e as nais poidan seguir xogando na casa cos pequenos.
Con anterioridade aos Encontros, leváronse a cabo, tamén con moito éxito de público, as Festas dos Axóuxeres nas cidades de Lugo, Ourense, A Coruña, Vigo e Santiago.
Fonte: Xunta de Galicia



