Os encontros, con música e xogos infantís, desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro e continuarán no primeiro trimestre do 2009.
Estas montaxes realizaranse por toda Galicia, cunha capacidade máxima de 60 asistentes para favorecer a interacción do público asistente.
Na web de Política Lingüística están xa dispoñibles algunhas cancións do espectáculo, para seguir cantando na casa.
Carballo acollerá o vindeiro 24 de outubro a primeira cita do programa Encontros dos Axóuxeres, iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxectivo de favorecer o uso do galego como lingua habitual nas comunicacións no seo da familia. Na capital de Bergantiños, esta actividade levarase a cabo no Pazo da Cultura a partir das sete da tarde. Xunto con Carballo, outras 24 vilas galegas acollerán estes espectáculos nos que bebés e cativos son os protagonistas.
A primeira xeira dos Encontros dos Axóuxeres desenvólvese entre finais de outubro e o vindeiro mes de novembro, e continuará no primeiro trimestre do 2009. Melide, o día 26 de outubro, e Mondoñedo, o 31, serán as seguintes citas desta festa, que se desprazará en novembro a Ribadeo, Burela, Ortigueira, Ribadavia, Celanova e Oroso. A partir de xaneiro, retomaranse as funcións noutros 16 concellos galegos.
Características
As montaxes van dirixidas a bebés e cativos de 1 a 5 anos de idade, e aos seus pais e nais. Este espectáculo está deseñado para ter unha hora de duración e para realizarse en espazos pechados e cunha capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus acompañantes).
As familias que desexen participar nesta iniciativa deberán inscribirse previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879, dadas as limitacións de capacidade requiridas polas características do espectáculo.
Os Encontros dos Axóuxeres danlles continuidade ás Festas dos Axóuxeres, que se desenvolveron durante o mes de setembro en cinco cidades galegas. Nelas participaron máis de 1200 persoas, unha participación que superou amplamente a do ano anterior, cando se lanzou por vez primeira este programa.
Un dos denominadores comúns dos Encontros reside en que contan cun fío condutor tecido, por un lado, polo tema dos sentidos (oído, vista, tacto, gusto e cheiro) e, por outro, por cinco cancións compostas expresamente para este proxecto. Cada peza musical dá pé a unha dinámica interactiva ou xogo para que o compartan os pais e as nais cos seus bebés e cativos.
A produción do espectáculo corre a cargo da empresa Galitoon. A cantante e artista Elena Paz é a encargada de conducir cada un dos Encontros dos Axóuxeres, nos que tamén intervirán outros músicos e actores. Do mesmo xeito que xa sucedera coas Festas, o boneco Totó, inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras, constituirá un dos eixes fundamentais do corpo creativo destas funcións.
Axóuxeres na rede
Co fin de favorecer que os pais e nais poidan continuar xogando e cantando na casa, ademais dos materiais entregados nas funcións, a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística permite a descarga das letras e a escoita das cancións do espectáculo dos Axóuxeres. Están accesibles en
http://www.xunta.es/linguagalega/encontros_dos_axouxeres_2008
Toda a información relativa a esta iniciativa posta en marcha polo departamento que dirixe Marisol López, así como as datas nas que se levarán a cabo os Encontros, poderán consultarse no mesmo enderezo.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por promover accións como os Encontros dos Axóuxeres como un paso máis en favor do proceso de normalización lingüística, tendo en conta a importancia que ten o contorno familiar na transmisión da lingua propia de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia



