Os institutos e colexios beneficiarios atópanse en Cangas, O Grove, Burela, Rianxo, Ferrol, A Guarda, Ribeira e A Estrada
Cada un dos centros recibirá unha contía de 2.000 euros e formación e asesoramento para o profesorado para desenvolver eses proxectos durante o curso académico que se acaba de poñer en marcha
A relación da lingua galega coas tecnoloxías da información e a creación de novos espazos de conversa son algúns dos aspectos que se abordan nestes traballos
A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deron a coñecer os proxectos en materia de innovación en normalización lingüística que resultaron premiados en base a unha convocatoria conxunta que ambas as dúas institucións fixeron pública en maio pasado. Os traballos desenvolveranse ao longo do presente curso académico 2008-2009 e foron presentados por oito centros educativos das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo. En concreto, trátase do IES Félix Muriel (Rianxo), CEIP Aguiño (Ribeira), Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, IES de Rodeira (Cangas), IES As Bizocas (O Grove), IES Perdouro (Burela), IES A Sangriña (A Guarda) e CEIP de Figueroa (A Estrada).
Cada un dos centros premiados recibirá unha asignación económica de 2.000 euros para poder desenvolver os proxectos ao longo do curso que se acaba de poñer en marcha. A maiores, contarán con formación e asesoramento para o profesorado do centro. Tamén se difundirán as devanditas experiencias a través da rede e publicaranse os materiais educativos producidos no enderezo da Consellería de Educación http://centros.edu.xunta.es/contidos/mapas_interactivos e na web de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega
Campos de traballo
O proxecto presentado polo IES de Rodeira, de Cangas, parte da análise da situación da lingua en Cangas e ten como obxectivo prioritario superar os prexuízos que afirman que o galego non é a lingua da xente nova; propoñen a realización de actividades en radio, videoconferencias e espazos virtuais na rede para fomentar o uso oral.
Pola súa banda, o IES As Bizocas, do Grove, realizará trípticos turísticos en inglés, francés e castelán coa súa correspondente versión en galego, elaborará información para a web do Concello do Grove e as oficinas turísticas, traducirá as cartas dos restaurantes a diferentes idiomas, entre eles tamén ao galego; e editará un libro sobre biografías de mulleres da vila, entre outras iniciativas.
A proposta promovida polo IES Perdouro de Burela prevé darlle continuidade a un traballo que xa levan desenvolvendo desde hai dous cursos e que inclúe a recompilación de documentación civil en lingua galega, coa que están a construír o Arquivo Documental de Burela. Nesta iniciativa participan numerosas asociacións e entidades públicas e privadas da zona.
Tamén no caso do IES Félix Muriel de Rianxo apostan por darlle continuación este ano a un proxecto que puxeron en marcha o curso pasado, titulado No meu mar, na miña lingua; que ten por finalidade recuperar vocabulario tradicional dos deportes relacionados co mar que se practican no concello de Rianxo.
En canto á Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, presentaron unha proposta que ten por finalidade crear espazos de conversa en galego, tanto físicos como virtuais, e nela fixan como obxectivo contactar con todos os países nos que existen lectorados de lingua galega para convidalos a participar na súa experiencia a través de videoconferencias que estarán abertas a toda a comunidade escolar. Deste xeito, danlle continuidade a un proxecto que comezaron o curso pasado.
Outros ámbitos de estudo
O IES A Sangriña, da Guarda, formula un traballo de investigación titulado O tesouro dos nosos avós, que consiste en recompilar información sobre diferentes cuestións da historia recente e que pon o alumnado en contacto coas persoas maiores. Por outra parte, o CEIP de Figueroa, na Estrada, presentou un proxecto de normalización lingüística na radio escolar. Por último, o CEIP de Aguiño, no concello ribeirense, elixiu unha iniciativa para desenvolver ao longo deste curso que leva por título Sereas e heroínas de Sálvora, que xira arredor do mar e que aposta polo uso das novas tecnoloxías da información; prevé a realización de obradoiros en materia de sensibilización sobre a igualdade de xénero e a diversidade funcional.
Coordinación
Polo que atinxe ao desenvolvemento destes proxectos, a dirección de cada un dos centros educativos designará entre os membros do claustro unha persoa para que coordine o proxecto de innovación en normalización lingüística. Antes do 30 de xuño de 2009, este coordinador ou coordinadora deberá elaborar unha memoria das actuacións levadas a cabo para a posta en marcha deste proxecto.
Pola súa banda, os coordinadores e as coordinadoras provinciais de normalización lingüística ofrecerán apoio e asesoramento tanto na fase de elaboración dos proxectos como de desenvolvemento dos mesmos, e desempeñarán así mesmo funcións de seguimento dos traballos nos centros da súa área de influencia. Igualmente, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento dos proxectos.
Fonte: Xunta de Galicia



