Noticias

O Goberno balear súmase ao protocolo de colaboración en materia de política lingüística que manteñen Galicia, Euskadi e Cataluña
28 de noviembre de 2008

O Goberno balear súmase ao protocolo de colaboración en materia de política lingüística que manteñen Galicia, Euskadi e Cataluña

Marisol López participou en Palma no acto de adhesión das Illes Balears

Os responsables da política lingüística dos catro gobernos reafirman o seu compromiso de colaboración e de traballo conxunto para avanzar no recoñecemento da realidade plurilingüe do Estado

Ata o de agora, os resultados do acordo están a ser moi positivos no impulso á diversidade lingüística do Estado e tamén da Unión Europea

O Goberno balear formalizou o xoves 27 de novembro no Mosteiro de Santa María La Real, en Palma de Mallorca, a súa adhesión ao Protocolo de colaboración en materia de política lingüística asinado en marzo de 2007 pola Xunta de Galicia, a Generalitat de Cataluña e o Goberno Vasco. A directora xeral de Política Lingüística das Illes Balears, Margalida Tous, subscribiu o acordo xunto cos seus homólogos vasco, Patxi Baztarrika; catalán, Bernat Joan e galega, Marisol López.

Os catro representantes políticos amosaron a súa satisfacción por esta nova incorporación a un acordo que consideran exemplar e modélico, polo que significa de cooperación desde o máximo respecto ás peculiaridades de cada unha das linguas, ás diversas opcións políticas de cada un dos gobernos e ás diferentes realidades sociolingüísticas de cada territorio.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, deulle a benvida á directora xeral balear, “para continuar un camiño no que será moi importante seguir traballando na valoración da diversidade lingüística de España, onde queda moita pedagoxía por facer”, sinalou López.

Resultados positivos
Preto de dous anos despois de que se asinara este acordo, os seus membros consideran que os resultados que está dando son moi positivos. Periodicamente realízanse xuntanzas nas que se deseñan estratexias comúns para a promoción das linguas, coa vontade de influír no impulso ao multilingüismo non só a nivel estatal, senón tamén no deseño das políticas que se realicen desde as institucións da Unión Europea.

Neste sentido, un dos últimos acordos tomados no marco do protocolo foi impulsar o discurso da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), da que forman parte, desde a perspectiva do galego, o catalán e o éuscaro.

A proxección exterior é outro dos ámbitos nos que o traballo conxunto está a ser intenso, coa participación dos tres gobernos nas principais feiras de linguas de Europa (Berlín, París e Londres), con actividades conxuntas e coordinadas.

O protocolo de colaboración, ao que se adheriu o Goberno balear, fixa un marco xeral de colaboración que permite despregar accións de intercambio de información en materia de lingua, na promoción de medidas de protección e uso das linguas cooficiais do Estado na Administración xeral do Estado e na UE; no ámbito socioeconómico; no ensino regrado e de adultos; no uso social da lingua e na difusión internacional das linguas e das culturas.

Partindo da base de que un 40 por cento da poboación de España vive en territorios nos que hai máis de unha lingua oficial, o protocolo avoga por unha actuación proactiva no marco das institucións do Estado, dos medios de comunicación de titularidade pública estatal, no sistema educativo e na Administración periférica do Estado.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder