Galicia

PP e PSOE alíanse na Cámara para frear unha comparecencia do BNG sobre a situación do galego no Bierzo

O grupo de PSdeG-PSOE converteuse nun aliado circunstancial do PPdeG para frear no Parlamento o propósito do BNG de abrir un debate político sobre a situación da lingua galega na comarca leonesa do Bierzo. Os nacionalistas querían aproveitar a última sesión da Comisión de Cultura desta lexislatura para invitar a comparecer no Pazo do Hórreo a varios representantes de asociacións culturais e lingüísticas do territorio fronteirizo con Galicia.

Fonte: La Voz de Galicia

"As nosas palabras, os nosos mundos" reivindica na Coruña a potencialidade do galego como lingua de creación

Marisol López inaugurou hoxeo luns día 15 de decembro a exposición sobre o galego e a diversidade lingüística no Kiosco Alfonso da Coruña, onde estará ata o 4 de xaneiro

Unha das novidades da mostra na súa estadía na Coruña é unha actividade de dinamización lingüística consistente na instalación dunha cabina de dobraxe

A exposición dá conta da vitalidade do galego no panorama literario, na música, no audiovisual, na publicidade e nas artes plásticas

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, inaugurou o pasado luns día 15 de decembro no Kiosco Alfonso da Coruña a mostra itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanecerá aberta ata o vindeiro 4 de xaneiro. Tras acadar unha moi boa acollida ao seu paso por Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Bilbao, Bruxelas, Vigo e Madrid, a exposición chega á Coruña para reivindicar a creatividade galega e achegar a todos os visitantes a vitalidade da lingua galega na música, no cine, na televisión, na publicidade, nas artes plásticas e na literatura.

Marisol López explicou que a exposición “quere contribuír a dar a coñecer a creatividade que existe en galego hoxe; contribuír ao que para moitos, mesmo dentro de Galicia, segue a ser unha descuberta: que en galego hai boa literatura, boa música, desenvolvemento de aplicacións informáticas e de ferramentas para os idiomas, os blogues, o teatro e a industria audiovisual”.

Na inauguración da mostra, a secretaria xeral avogou por que o galego siga recuperando os espazos dos que fora relegado historicamente, “e necesita facelo desde a valoración e o respecto á diversidade lingüística que hoxe se dá en todos os territorios, necesita facelo desde o convencemento de que é a nosa esencial ferramenta colectiva para a construción do diálogo social”. Do mesmo xeito, apelou á consideración da lingua como “unha riqueza propia e un valor global nun mundo que só se sostén se entendemos que, igual que é necesaria a variedade na flora e na fauna e o respecto polo ambiente, tamén é necesaria a diversidade na cultura e nas linguas”.

Manifestacións da creatividade galega
A produción artística en Galicia acadou, nos últimos anos, un crecemento espectacular, que veu acompañado do recoñecemento do público. Os visitantes á exposición poderán atopar secuencias sobre cine, publicidade e animación en galego, videoclips musicais ou puntos de escoita de música galega. A televisión e a radio tamén teñen cabida na mostra, coas producións audiovisuais máis significativas feitas en Galicia. Ademais, o percorrido expositivo dá conta da efervescencia do galego no ciberespazo, a través de pantallas onde consultar os principais recursos lingüísticos na rede, como tradutores automáticos, catálogos bibliográficos ou conversores de textos en voz. Preténdese, en definitiva, ofrecer unha perspectiva ampla e amena sobre as manifestacións culturais, artísticas, musicais, literarias e publicitarias da creatividade galega.

Unha boa mostra desa creatividade púxose de manifesto na inauguración da exposición, que contou coa actuación da artista galega Mercedes Peón. A música do seu último traballo discográfico, Sihá, serviu de peche ao acto celebrado na Coruña.

Cabina de dobraxe e visitas de estudantes
Como novidade na súa estadía na Coruña, e ao fío da posta en valor da creatividade galega, a exposición contará cun atractivo máis, concibido como unha actividade de dinamización lingüística. Trátase dunha cabina de dobraxe na que se poderá coñecer de preto o proceso de dobraxe das producións audiovisuais. Durante toda esta semana, os asistentes recibirán unha explicación sobre esta técnica por parte de profesionais da dobraxe e poderán incluso realizar unha pequena práctica para poñerlle voz galega a algúns dos personaxes máis populares do panorama audiovisual en Galicia. Na actualidade, xa están concertadas visitas de 17 institutos e centros de secundaria da Coruña.

Desde as orixes do galego ata hoxe
A exposición estrutúrase en catro bloques temáticos: “As orixes”, “Isto é galego”, “As nosas palabras, os nosos mundos” e “A nosa lingua na nosa vida”. O módulo “As orixes” constitúe un achegamento ao nacemento da linguaxe, así como á evolución das canles de comunicación ao longo da historia da humanidade; nel tamén se ofrece información sobre as 20 familias lingüísticas existentes no mundo.

O módulo “Isto é galego” permite viaxar a través da historia do galego desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos culturais, sociais e políticos relevantes.

No espazo “As nosas palabras, os nosos mundos”, o visitante pode mergullarse na diversidade lingüística do planeta e coñecer o son de múltiples linguas a través dun xogo de escoita.

Por último, o módulo “A nosa lingua na nosa vida” amosa exemplos de recursos e usos da lingua galega nos diferentes ámbitos da sociedade.

Fonte: Xunta de Galicia

O uso do galego na Lei do comercio divide o Consello Económico e Social

O uso do galego que propón a Lei de ordenación do comercio interior de Galicia segue xerando polémica, pese a que a norma aínda non foi aprobada polo Parlamento nin o será na actual lexislatura. O último en manifestar as súas dúbidas sobre a futura norma foi o Consello Económico e Social (CES), que no seu ditame ao respecto do anteproxecto que lle enviou á Xunta avoga por eliminar a parte na que se fai referencia a que “ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua oficial empregada”, e o apartado do artigo 8, que establece que “nas relacións entre os establecementos comerciais e as persoas compradoras seguiranse as directrices previstas no Plan xeral de normalización da lingua galega”.

Fonte: Xornal.com

Segundo a secretaria xeral de Política Lingüística o futuro do galego non é tan negro

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, considera que o galego está "adquirindo un prestixio social que antes non tiña", e máis tendo en conta tempos anteriores. Ademais, asegura que o futuro deste idioma "non é tan negro" como outras entidades ou persoas o ven.

Fonte: Galicia Hoxe

O PP denuncia que a Xunta "non controla" as horas lectivas de galego e castelán

O PPdeG denunciou que o Goberno autonómico "non controla" o número de horas que cada centro escolar imparte en galego e en castelán polo que "dificilmente" pode adoptar medidas que aseguren "a plena competencia lingüística" oral e escrita do alumnado.

Fonte: Galicia Hoxe

Os máis novos achéganse á práctica da dobraxe audiovisual na exposición "As nosas palabras, os nosos mundos"

Alumnos de secundaria de 17 institutos da área coruñesa coñecen de preto o proceso da dobraxe nunha actividade que se desenvolve no espazo expositivo de “As nosas palabras, os nosos mundos” no Kiosko Alfonso

Ana Lemos, recoñecida dobradora galega, é a profesional que se encarga de explicarlles aos mozos as técnicas empregadas nese ámbito e de facer un percorrido histórico pola evolución do mundo da dobraxe

Os estudantes que visiten a mostra poden poñerlle voz a algúns dos personaxes máis populares do panorama audiovisual galego

No marco da exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, alumnos de ensino secundario da área coruñesa participan ao longo desta semana nunhas sesións organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia nas que se lles explica o proceso da dobraxe ao galego de producións audiovisuais como as longametraxes e as series de debuxos animados. A través dunha cabina de dobraxe instalada para a ocasión dentro do espazo expositivo, no Kiosko Alfonso, estudantes de 17 institutos reciben explicacións ata o venres 19 de decembro sobre as técnicas propias dese oficio. Unha profesional do sector da dobraxe é a encargada de lles desentrañar os segredos deste mundo aos visitantes procedentes dos centros educativos; ademais, os alumnos poden aproveitar a súa participación nesta iniciativa para poñerlles voz a algúns dos personaxes máis populares do panorama audiovisual galego.

A cabina de dobraxe constitúe unha das principais novidades que presenta a exposición sobre o galego na diversidade lingüística mundial durante a súa estadía na Coruña, coa que Política Lingüística pretende tamén contribuír a poñer en valor a potencialidade creativa da lingua propia de Galicia. As sesións de dobraxe dirixidas aos alumnos de secundaria teñen unha duración aproximada de vinte minutos, e desenvólvense unha vez rematada a visita guiada que realizan á exposición.

A profesional que imparte esta nova actividade é a recoñecida dobradora galega Ana Lemos, unha voz familiar entre o público galego, e en especial entre os espectadores infantís, pola dobraxe de personaxes de animación tan populares como Shin chan. Esta especialista amósalles aos rapaces todo o proceso da dobraxe, ademais de introducilos na historia deste sector facendo un percorrido desde as súas orixes, con alusións ao cineasta Luis Buñuel, pioneiro nesta técnica en España en 1930, ata a actualidade, co emprego das máis modernas tecnoloxías.

A creatividade en galego
A realización desta actividade de dobraxe xira arredor do eixe central da mostra durante a súa estadía na Coruña: a posta en valor da prolífica produción artística que existe en galego e o recoñecemento que estes creadores adquiriron nos últimos anos. Na mostra, que se poderá visitar ata o próximo 4 de xaneiro, ademais desta cabina de dobraxe, pódense atopar secuencias sobre cine, publicidade e animación en galego, videoclips musicais ou puntos de escoita de música galega. A televisión e a radio tamén teñen cabida na exposición, coas producións audiovisuais máis significativas feitas en Galicia. Ademais, o percorrido expositivo dá conta da efervescencia do galego no ciberespazo, a través de pantallas onde consultar os principais recursos lingüísticos na rede, como tradutores automáticos, catálogos bibliográficos ou conversores de textos en voz.

Fonte: Xunta de Galicia

Asociacións de Galicia, Cataluña, País Vasco e Navarra forman Diverslinguae para defender o plurilingüismo en España

Agrupacións en defensa das linguas cooficiais de Galicia, Cataluña, País Vasco e Navarra presentaron en Santiago de Compostela a asociación Diverslinguae, para "defender a diversidade lingüística" en España e "monitorizar o cumprimento" da lexislación na materia.

Fonte: Europa Press

A Concellería de Normalización Lingüística da Coruña pon en marcha a segunda edición da campaña Por un Nadal en galego

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística organiza, en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística, a segunda edición da campaña Por un Nadal en Galego, na que participan os 28 centros de educación infantil e primaria (CEIP) da cidade.

Fonte: XornalGalicia.com

O Goberno navarro visita Galicia para coñecer as accións de promoción da lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Marisol López mantivo o mércores 17 de decembro unha xuntanza de traballo cunha delegación do Euskarabidea/Instituto Navarro del Vascuence

As campañas para incentivar o uso do galego, as actividades de dinamización lingüística, os novos certificados Celga ou o labor dos equipos de normalización dos centros de ensino foron algúns dos contidos abordados na reunión

Os representantes do Goberno de Navarra aproveitaron a súa estadía en Galicia para visitar a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, que permanece estes dias no Kiosko Alfonso da Coruña

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, mantivo o mércores 17 de decembro unha xuntanza de traballo co director xerente de Euskarabidea/Instituto Navarro del Vascuence, Xabier Azanza Arbizu, para expoñerlle as principais medidas e estratexias postas en marcha en Galicia durante os últimos anos en materia de promoción da lingua galega. Á reunión, realizada a petición do organismo navarro, tamén asistiron o director do Servicio de Asesoramiento y Formación del Vascuence, Julen Calvo Jiménez; o director do Servicio de Desarrollo del Vascuence, Rubén Fuertes Peralta, e as subdirectoras da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal e Nita Ferreiro.

Marisol López deulles conta das principais liñas de actuación da Secretaría Xeral ao longo desta lexislatura e fixo fincapé na importancia de dar a coñecer as linguas cooficiais do Estado fóra dos territorios nos que se falan. Igualmente, ofreceulles información detallada sobre algúns dos proxectos máis significativos do Goberno galego para fomentar o uso da
lingua propia do país.

Os representantes do Instituto Navarro del Vascuence interesáronse especialmente por actividades como a campaña xeral “En galego tes todo por vivir. Tócache!”, e por algunhas das actuacións ligadas a esta iniciativa. Así, coñeceron de preto os proxectos de A Cova e de O Contador, no relativo ás actividades de dinamización lingüística na rúa; ou a Xeración E logo! e o programa dos Axóuxeres, no ámbito das accións de fomento da transmisión familiar da lingua.

Outros dos asuntos que se abordaron na reunión foron o establecemento dos novos certificados de lingua galega, Celga, e o labor desenvolvido para revitalizar o traballo dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino.

Na xuntanza, Marisol López fixo referencia tamén á exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”, sobre a vitalidade do galego na diversidade lingüística mundial. Así, comentoulles aos representantes navarros que a mostra comezou a súa itinerancia en xullo pasado en Santiago de Compostela para trasladarse despois a Vilagarcía, Bilbao, Bruxelas, Vigo, Madrid e A Coruña, onde se inaugurou esta semana e onde permanecerá ata o 4 de xaneiro.

Con posterioridade á xuntanza realizada nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os integrantes da delegación de Navarra desprazáronse á Coruña para facer unha visita guiada á exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, instalada no Kiosko Alfonso.

Fonte: Xunta de Galicia

O xogo Cativadas, destinado a que os máis pequenos aprendan informática e galego, rexorde na rede

O xogo Cativadas, no que unha ratiña virtual (Lola) lles aprendía aos internautas de curta idade (e aos maiores tamén) diferentes coñecementos prácticos sobre as redes, a informática en xeral e o galego, volve á rede.

Fonte: Código Cero

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder