Galicia
A nova Xeración E logo! levará a 15.000 familias de Galicia materiais útiles para transmitirlles o galego aos cativos
Marisol López presentou a segunda experiencia desta iniciativa, destinada a fortalecer a transmisión da lingua galega nas familias
Este ano, os poemas de autores galegos musicados por Abe Rábade e interpretados por distintos artistas inclúense nos materiais de agasallo
O maletín contén, ademais da música para o berce, un caderno da xestación, unha escolma de nomes galegos, recitativos e adhesivos para o coche
Os materiais distribuiranse na rede hospitalaria e de atención primaria do Servizo Galego de Saúde e nos centros médicos privados
A web da campaña pon en marcha o “Anenotario”, un espazo participativo para compartir as anécdotas dos cativos na rede
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou o martes día 9 de decembro a segunda edición da Xeración E logo!, unha iniciativa encadrada na campaña xeral de promoción da lingua galega que pretende fomentar a transmisión da lingua galega entre pais e nais e os seus bebés.
Logo da boa acollida acadada o ano pasado, nesta ocasión tamén está previsto chegar a unhas 15.000 familias cuns materiais que se van distribuír a través da rede de centros do Servizo Galego de Saúde para todas as mulleres embarazadas. Así, a través das xerencias de Atención Primaria da Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e da Área Sanitaria de Ferrol distribuiranse estes maletíns nos centros de atención primaria, nos hospitais e nos centros de orientación familiar. Tamén os centros médicos privados distribuirán os materiais.
Na consulta do seu médico, as futuras nais recibirán un maletín con información, consellos para o embarazo, un caderno de xestación, unha escolma de nomes galegos de neno e de nena, recitativos para o bebé e un CD que este ano se renova respecto do que se entregou na anterior edición. En Aloumiños de seda, Abe Rábade púxolles música a seis poemas doutros tantos autores galegos. Ademais, o maletín inclúe outra novidade, un adhesivo deseñado polo debuxante Kiko Da Silva para lles pedir precaución aos condutores e sinalizar a presenza no coche do bebé.
Relación afectiva en galego
“Falarlle galego a un fillo ou a unha filla é axudalo a levar naturalmente a súa cultura, non é privalo de nada, é dotalo de coñecemento para chegar a outras linguas con facilidade”, dixo Marisol López, que engadiu que cando o neno ou nena entre na escola, “ese coñecemento vai ser reforzado, coas mesmas garantías que para a aprendizaxe do castelán, e cada vez máis, co traballo dos profesores para que adquira polo menos unha ou dúas linguas estranxeiras”.
A secretaria xeral de Política Lingüística insistiu en que o coñecemento de idiomas que precisamos na sociedade actual “non pode supor prescindir da nosa lingua e da nosa cultura propia, non pode supor que vivamos nun mundo monocorde”. Neste sentido, explicou que este agasallo que se lles entrega ás nais “é un regalo útil para favorecer o afianzamento do galego na nova estrutura familiar: xogos, cantos, nomes e consellos para iniciar, co novo membro da familia, unha relación afectiva en galego”.
Aloumiños de seda
O novo CD co que se agasalla ás familias, Aloumiños de seda, inclúe seis pezas musicais orixinais compostas polo pianista Abe Rábade, para os poemas “Flor de Liño”, de Anxo Angueira e María do Cebreiro, “Canción das tres culleres”, de Luís Pimentel, Trigo e Estrelas, de Helena Villar e Xesús Rábade, “Auga Limpa”, de Rosalía de Castro, “Onde vai a miña nena”, de Manuel Leiras Pulpeiro e o poema popular “Non hai berce como o colo”. Nas voces participaron Guadi Galego, que interpretou na presentación do martes varios temas con Abe Rábade ao piano, Ramón Bermejo, Joana Machado e Terela Gradín. Ademais, participan os músicos Perico Sambeat, Virxilio da Silva, Nelson Cascais, Bruno Pedroso e Marcos Vázquez.
“Anenotario” e participación na web
Todos os materiais escritos que se entregan neste maletín da Xeración E logo! 2008 están dispoñibles para a descarga na web da campaña www.palabrasencadeadas.com. Dentro deste sitio web, e asociado a esta iniciativa, ponse en marcha o Anenotario, un espazo de participación para que pais e nais compartan as anécdotas dos seus cativos. As mellores “anénotas” terán premios en forma de libros, música e materiais para o lecer infantil en galego.
Fonte: Xunta de Galicia
A asociación Galicia Bilingüe critica as axudas ao uso do galego
A asociación Galicia Bilingüe denunciou que a Xunta "condicionou" case 200 ordes de subvención emitidas ao longo deste ano ao uso do galego "en maior ou menor medida", incluíndo nas convocatorias aspectos como o uso ou a promoción da lingua como un baremo máis e "deixando á marxe o castelán", "impoñendo" o galego como "elemento esencial" para poder optar á axuda ou deixándoo como"único" idioma para presentar a solicitude.
Fonte: Galicia Hoxe
O grupo BaGoNiX.net achega varias traducións de software ao galego
Dende Mancomún dan a coñecer o grupo de usuarios de GNU/Linux do Val Miñor, BaGoNiX.net, que nace «coa intención de traballar coa xente que ten máis dificultades en migrar por causa da fenda dixital, como é a xente do rural, incluíndo a xuventude, mulleres e persoas maiores», para o que fan uso das ferramentas propias da web.
Fonte: Código Cero
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que unha médica negou a asistencia en galego a un paciente
A Mesa pola Normalización Lingüística de Ferrol denunciou ante o Servizo Galego de Saúde que unha médica dun centro de saúde da cidade negou a asistencia en galego a un paciente, nunha actitude que a entidade cualifica como un "novo caso de discriminación lingüística na sanidade pública".
Fonte: El Correo Gallego
Preséntase o “Dicionario xurídico dos medios de comunicación" no Consello da Cultura Galega
O xoves, día 11, ás 12 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega será o acto de presentación, ao público e aos medios, do Dicionario xurídico dos medios de comunicación, editado por Edicións Lea.
Fonte: CTNL
Política Lingüística avoga por facer discriminación positiva co galego
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, sinalou a Efe a necesidade de "facer discriminación positiva" para que o galego se "equipare ao castelán", ante a crítica de Galicia Bilingüe á Xunta, por "condicionar" ao uso da lingua galega a concesión dunhas 200 subvencións.
Fonte: El Correo Gallego
Un chofer da Xunta multado reclama que Tráfico utilice o galego ao sancionar
Un chofer do parque automobilístico da Xunta, Lois Fraga Souto, solicitou da Xefatura Provincial de Tráfico a utilización da lingua galega na relación cos seus usuarios, e reprobou o «uso indebido do castelán» na atención que lle foi dispensada, por oral e por escrito.
Fonte: La Voz de Galicia
Nace un sistema operativo en galego: Galinux
Este xoves preséntase Galinux, sistema operativo de código aberto e en lingua galega que estiveron a desenvolver Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software libre, e a comunidade de software libre do país.
Fonte: Vieiros
Máis de trescentas persoas examínanse o 13 de decembro dos exames para a obtención do certificado de lingua galega do nivel 1
Trece cidades de dentro e fóra de Galicia acollen a realización destas probas, coas que se dá por pechada a última convocatoria correspondente a este ano
As cidades nas que se matricularon máis aspirantes para a obtención do certificado do nivel 1 son A Coruña e Vigo
Os próximos exames para a acreditación dos coñecementos de lingua galega terán lugar os días 23, 24, 30 e 31 de maio e os días 21, 22, 28 e 29 de novembro de 2009
Os exames para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga) correspondente ao nivel 1 realizaranse o sábado en 13 cidades de dentro e fóra de Galicia. Un total de 323 aspirantes matriculáronse nestas probas, que se desenvolverán nas dependencias da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Tamén se levarán a cabo na Universidade Autónoma de Barcelona, na Universidade de Estremadura, en Cáceres; no Espazo das Linguas de Madrid, na Universidade de Salamanca, na Universidade de Tubinga, en Alemaña; na Universidade de Stirling, no Reino Unido; na Universidade de San Paulo, en Brasil; e na Universidade da República Oriental do Uruguai, en Montevideo.
Con estes exames darase por pechada a segunda e última convocatoria dos Celga correspondente a este ano. As próximas probas para a acreditación oficial dos coñecementos en materia de lingua galega efectuaranse os días 23, 24, 30 e 31 de maio e 21, 22, 28 e 29 de novembro de 2009, para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente.
O sábado os exames empezarán ás 9 da mañá e os aspirantes deberán presentarse nos lugares indicados un cuarto de hora antes. A Coruña e Vigo son as cidades nas que figuran máis matriculados para a obtención do Celga 1, 87 e 65, respectivamente. En Ourense, rexístranse 51 anotados, seguida de Santiago de Compostela, con 47, e Lugo, con 38.
Fóra de Galicia
No resto do Estado, contabilízanse 23 persoas para facer estes exames. Na Universidade de Barcelona, está previsto que se examinen 10 candidatos, mentres que en Cáceres hai 7 aspirantes. No Espazo das Linguas de Madrid matriculáronse 5 persoas e, na Universidade de Salamanca, 1.
En Montevideo, aspiran a obter o certificado correspondente ao nivel 1 un total de 5 inscritos. En San Paulo, hai 3 matriculados, mentres que en Stirling e Tubinga contabilízanse 2 candidatos por cada unha desas cidades.
Cursos preparatorios
As seguintes probas para a obtención dos Celga serán en maio e novembro do vindeiro ano. A inscrición para poder presentarse a estes exames rematará o 25 de marzo de 2009 no caso da convocatoria de maio, e o 7 de outubro para a de novembro. A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar, a través dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 2 de decembro, 250 cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis 1, 2, 3 e 4, que van destinados a particulares e colectivos.
Estas xornadas formativas realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo, e naquelas outras que determine Política Lingüística en función das solicitudes presentadas. O número máximo de asistentes a cada curso é de 30. Está previsto que poidan participar nestas actividades ata 7.500 persoas. Para anotarse, existen diferentes prazos, que varían en función das datas de inicio dos diferentes cursos programados.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística non expedirá ningún tipo de certificado ou diploma de asistencia a eses cursos, porque para obter a acreditación do nivel Celga ao que se opte é necesario realizar e superar as probas correspondentes que se efectuarán en maio e novembro de 2009.
O Celga é un sistema de certificación adaptado ao Marco común europeo de referencia para as linguas que lles outorga prioridade ás habilidades comunicativas en galego por riba dos enfoques máis gramaticalistas.
Fonte: Xunta de Galicia
Entréganse os premios Manuel Beiras ao esforzo pola normalización da lingua galega
A Navalla Suíza, Tórculo e Área Central recolleron o premio Manuel Beiras, que recoñece o esforzo destas empresas no proceso de normalización da lingua galega. Tamén a USC quere premiar os estudantes que usen o galego nos seus traballos académicos, e por iso presentou os premios á calidade e a excelencia lingüística.
Fonte: La Voz de Galicia
Boletín
Subscríbase al boletín