Galicia
O Parlamento de Galicia aproba a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega

O novo Plan xeral de normalización da lingua galega incorpora cambios relevantes no ensino, entre eles a posibilidade de impartir en galego materias científicas e tecnolóxicas na secundaria desde o curso 2028-2029, mantendo o reparto do 50 % entre as dúas linguas. O documento tamén busca garantir competencias equilibradas en galego e castelán na FP e reforzar o uso do galego na educación infantil.
Fonte: La Voz de Galicia
Convócase unha nova edición dos Premios Lingua e Empresa que distinguen as empresas de Ames que empregan o galego

O Concello de Ames convocou a novena edición dos Premios Lingua e Empresa, que recoñecen as empresas que empregan e promoven o galego na súa actividade. A convocatoria, aberta ata o 20 de novembro, distingue tanto empresas cun uso consolidado da lingua como aquelas que a incorporaron nos últimos dous anos. Os dous premios, dotados con 1500 euros cada un, buscan visibilizar o galego como elemento de identidade, proximidade e diferenciación no ámbito empresarial.
Fonte: Concello de Ames
Valentín García destaca "a música e o deporte como medios para socializar en galego entre a mocidade"
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou os eidos da música e o deporte “como medios para socializar en galego e prestixiar a lingua, sobre todo entre a mocidade”. Así o afirmou no marco dos XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Xunta de Galicia, e que este ano levan por lema «Música, orgullo e identidade».
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta destina 300 000 € a once bolsas de investigación para ampliar coñecementos sobre lingua e literatura galega no Centro Ramón Piñeiro

A Xunta destina preto de 300 000 euros a once bolsas de investigación que van permitir ampliar coñecementos sobre lingua e literatura galega no Centro Ramón Piñeiro. Con este obxecto, o Diario Oficial de Galicia publica a resolución coas persoas seleccionadas que van afondar en materias lingüísticas, literarias, históricas e antropolóxicas sobre o noso idioma propio, na liña do compromiso do Goberno galego de promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta publica o libro Lugopoética 2026, coa obra de 12 autores reunidos polo colectivo Egeria e a Uned de Lugo
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou na presentación do libro Lugopoética 2026, que publica a Secretaría Xeral da Lingua coa obra e reflexións dos 12 poetas reunidos este ano no certame homónimo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García destaca o concurso de Poesía Rosalía de Castro como unha “iniciativa que motiva aos escolares ao redor do galego”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou a VIII edición do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, coa que a Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e o Corte Inglés, “pretende fomentar a creación poética en lingua galega á vez que achega ás xeracións máis novas unha figura clave das nosas letras como é Rosalía”, apuntou durante o acto.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta porá en marcha o vindeiro ano 150 cursos de galego para estranxeiros no marco do incremento do 1,5 M€ nos orzamentos de lingua

A Xunta de Galicia aumentará o vindeiro ano o número de cursos de introdución á lingua e cultura galegas poñendo en marcha 150 novas propostas. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a Valga onde acompañou ao alumnado que participou xa nesta formación nunha andaina a prol do galego e onde precisou que o obxectivo desta segunda edición é “chegar ata as máis de 2000 persoas nadas fóra da Comunidade”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García participa nas xornadas «Os medios en galego comezan nas aulas», da ASOMEGA

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou esta semana nas dúas primeiras xornadas dos encontros «Os medios galegos do futuro comezan nas aulas», organizado pola Asociación de Medios en Galego (ASOMEGA) co apoio da Xunta de Galicia.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Valga organiza unha andaina para promover o uso do galego

O Concello de Valga, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, organiza unha andaina por distintos lugares do municipio para promover o uso do galego nas actividades cotiás. A iniciativa emprega así a actividade ao aire libre e a participación veciñal como espazos para favorecer a presenza e o uso habitual da lingua.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Unha nova guía propón medidas para incrementar o uso do galego nas empresas

O colectivo Galeguizar Galicia presentou en Vigo a Guía básica de galeguización empresarial, un documento de trinta páxinas editado polo Foro Enrique Peinador co patrocinio da Deputación de Pontevedra. A publicación propón medidas para incorporar o galego á actividade empresarial, como ofrecer contratos e facturas nesta lingua, facilitar a atención bilingüe, utilizar rotulación en galego e formar o persoal.
Fonte: La Voz de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín