Galicia

O programa «Lingua e Cinema» leva o mundo da dobraxe en galego aos centros educativos do Grove

O Concello do Grove desenvolverá a segunda edición de «Lingua e Cinema», un programa que emprega a dobraxe como ferramenta para fomentar o uso activo do galego entre o alumnado. A iniciativa ofrecerá 14 obradoiros prácticos en centros de primaria, secundaria e bacharelato, nos que se traballarán a expresión oral, o ritmo e a comunicación a través do audiovisual. O proxecto busca asociar o galego ao lecer e á cultura, así como favorecer a súa utilización entre a infancia e a mocidade.

Fonte: Faro de Vigo

A plataforma Queremos Galego presenta unha ILP para demandar maior presenza do galego en todos os ámbitos

Entidades sociais presentaron no Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular para reforzar a presenza do galego no conxunto da vida social e responder ao retroceso no seu uso. A proposta inclúe medidas para garantir os dereitos lingüísticos e aumentar a presenza do galego na Administración, sanidade, xustiza, medios públicos, tecnoloxía, cultura e deporte.

Fonte: Galicia Confidencial

A décima edición do certame Youtubeiras+ trae un novo galardón honorífico á traxectoria na creación dixital en galego

Os Premios Youtubeiras+ celebran a súa décima edición cun novo galardón honorífico destinado a recoñecer traxectorias destacadas na creación dixital en galego. O certame manterá sete categorías, cunha dotación total de 7500 euros, e terá aberto o prazo de inscrición ata o 15 de novembro. Ademais, ofrecerá tres obradoiros gratuítos en liña para reforzar as competencias técnicas, creativas e lingüísticas das persoas creadoras de contidos.

Fonte: Universidade de Vigo

Os secretarios xerais da Lingua e de Universidades participan na entrega do IX Luís Porteiro Garea a Antón Santamarina

Os secretarios xerais da Lingua e de Universidades, Valentín García e José Alberto Díez, respectivamente, participaron no acto de entrega da IX edición do Premio Luís Porteiro Garea ao catedrático de Filoloxía Románica, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela, académico da lingua galega e lexicógrafo Antón Santamarina.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Concello da Coruña presenta unha nova edición de «Falamos secundaria», un programa de dinamización lingüística para os centros educativos

O Concello da Coruña presenta unha nova edición de «Falamos secundaria», un programa que busca impulsar o uso do galego entre o alumnado de ensino secundario mediante actividades que conectan os centros educativos co seu contorno.

Fonte: Concello da Coruña

A Xunta realizará novas probas para obter os certificados de lingua galega entre o 14 e o 22 de novembro

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia as datas para a realización dos novos exames que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega e que se celebrarán entre o 14 e 22 de novembro en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

López Campos destaca o Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires “como un punto clave para reforzar a proxección exterior da lingua e cultura galegas”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, conversou no Parlamento co alumnado do Instituto Galego-Hispano-Arxentino Santiago Apóstol de Bos Aires, que está de visita en Galicia, ao que animou a “aproveitar esta viaxe para coñecer a cultura, a lingua e o patrimonio da Comunidade, así como as súas institucións, a súa riqueza natural e os valores que forman parte da nosa identidade”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta contribúe a situar o Festival Maré como punto de encontro en Santiago de Compostela de culturas e linguas

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita, apoiada pola Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Concello de Carballo organiza un obradoiro de escritura creativa en galego

O Concello de Carballo ampliará a súa programación de fomento da lectura cun obradoiro de iniciación á escritura creativa en galego, centrado na narrativa de ficción e impartido pola escritora Marta Villar. A actividade desenvolverase de xaneiro a xuño e permitirá traballar desde a creación de personaxes e escenas ata a revisión dos textos propios. A proposta dá continuidade á rede municipal de clubs de lectura e busca consolidar o galego como lingua de creación e expresión literaria.

Fonte: Concello de Carballo

A RAG e a Consellería do Mar buscan vías de colaboración para poñer en valor o patrimonio lingüístico vinculado ao mar

A Real Academia Galega e a Consellería do Mar reuníronse para explorar novas vías de colaboración para poñer en valor a cultura marítima e o patrimonio lingüístico asociado ao mar. Na xuntanza prestouse especial atención ao proxecto Denominación galega da fauna mariña, que busca fixar nomes oficiais para as especies de peixes presentes ou comercializadas en Galicia. O repertorio pretende recuperar tamén termos tradicionais e converterse nun recurso de referencia para os sectores pesqueiro, científico, educativo, gastronómico e comercial.

Fonte: Real Academia Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder