Galicia
O Concello de Soutomaior organiza un programa de actividades culturais para fomentar o uso do galego
O Concello de Soutomaior retomou o programa de normalización lingüística «Goza do teu Punto G. O galego dáche un punto», que emprega o teatro, a música e as artes escénicas para favorecer o uso do galego no lecer e na vida cotiá. O ciclo continuará durante outubro e novembro con cinco espectáculos gratuítos, dirixidos tanto ao público familiar como adulto. A iniciativa busca achegar a lingua á veciñanza a través da cultura e o entretemento.
Fonte: Pontevedra Viva
A Guarda substituirá a sinalización das rúas que aínda non estea en galego
O Concello da Guarda aprobou a substitución das placas de rúas e lugares que aínda non empregan a forma oficial galega dos topónimos. O acordo establece tamén que os rótulos, indicadores e sinalizacións municipais deberán redactarse en galego, en cumprimento da normativa lingüística e da ordenanza local. A medida pretende corrixir a sinalización existente e reforzar o papel da Administración municipal na promoción e protección da lingua.
Fonte: La Voz de Galicia
Convócase unha nova edición de Galetiktokers, un certame que busca impulsar a presenza do galego nas redes sociais

O Concello de Ames convoca a sétima edición de Galetiktokers, un certame que busca impulsar a creatividade da mocidade e aumentar a presenza do galego en TikTok e Instagram. Poderán participar, ata o 30 de outubro, persoas desde os 13 anos con vídeos propios en galego de entre 15 e 60 segundos. A iniciativa complétase con xornadas formativas nos centros de ensino para achegar a creación dixital en galego ao alumnado.
Fonte: Concello de Ames
A Deputación da Coruña convoca un premio para promover a creación de pódcasts en galego
A Deputación da Coruña convoca a primeira edición do Premio Pódcast Transmitindo en Galego, destinado a impulsar a creación sonora en lingua galega. Os galardóns buscan dar visibilidade ao galego neste ámbito e favorecer producións de calidade, diversas e innovadoras.
Fonte: Xuventude
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no Club de Debate Alingua, unha iniciativa para fomentar o galego entre a mocidade

O Club de Debate Alingua abriu o prazo de inscrición para a edición 2026/2027, dirixida a alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º de bacharelato e ciclos formativos. A iniciativa busca reforzar o uso oral do galego entre a mocidade a través da oratoria, o pensamento crítico e o traballo en equipo.
Fonte: Diario de Santiago
O Concello de Val do Dubra pon en marcha dúas iniciativas para promover o uso do galego entre a cidadanía

O Concello de Val do Dubra puxo en marcha dúas iniciativas para reforzar a presenza do galego na vida social e económica do municipio. Por unha banda, ofrece un curso gratuíto de lingua e cultura galegas para persoas procedentes do exterior. Pola outra, creou un directorio voluntario de empresas e profesionais que empregan o galego, co propósito de visibilizar o seu uso no comercio e na actividade económica local.
Fonte: Diario Gallego
Chega a Rianxo unha nova edición de CeibaRimas, o certame de rap improvisado en galego
Rianxo acollerá a sexta edición de CeibaRimas, o certame de freestyle improvisado en galego que combina cultura urbana e tradición oral. A competición repartirá máis de 1000 euros en premios e contará cun xurado especializado, concertos e unha nova actividade infantil para achegar a improvisación ás xeracións máis novas. O evento busca impulsar novas formas de creación e reforzar o uso do galego no ámbito musical.
Fonte: La Voz de Galicia
Anxo M. Lorenzo destaca “o labor a prol da lingua e da cultura” do Premio de Poesía Afundacion

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na xuntanza na que se deu a coñecer o gañador da 24ª edición do Premio de Poesía Afundación, un certame promovido desde hai máis de 20 anos por esta entidade e o centro PEN Galicia coa colaboración da Xunta e que supón, destacou, “unha importante cita polo seu labor a prol da cultura normalización da lingua galega”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Chega a Santiago a 12.ª edición do LGx15, unha iniciativa para compilar ideas, experiencias e propostas que melloren o futuro do galego
O Teatro Principal de Santiago acollerá o 10 de outubro unha nova edición do «LGx15. Ideas para o futuro da lingua», con intervencións breves e divulgativas arredor do porvir do galego. A ducia de propostas abordará cuestións como os videoxogos, o deporte, o audiovisual, a relación coa natureza, a integración lingüística e a aprendizaxe do portugués. O encontro busca achegar novas perspectivas e argumentos que contribúan a transformar a percepción social do idioma.
Fonte: CTNL
Valentín García destaca a contribución do galego na riqueza e diversidade cultural europea

O secretario xeral de Lingua, Valentín García, destacou a contribución do galego “á riqueza e á diversidade do patrimonio cultural de Europa”. Fíxoo no acto institucional do Goberno galego polo Día Europeo das Linguas, que se celebra o 26 de setembro.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín