Galicia

O Concello de Valga organiza unha andaina para promover o uso do galego

O Concello de Valga, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, organiza unha andaina por distintos lugares do municipio para promover o uso do galego nas actividades cotiás. A iniciativa emprega así a actividade ao aire libre e a participación veciñal como espazos para favorecer a presenza e o uso habitual da lingua.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Unha nova guía propón medidas para incrementar o uso do galego nas empresas

O colectivo Galeguizar Galicia presentou en Vigo a Guía básica de galeguización empresarial, un documento de trinta páxinas editado polo Foro Enrique Peinador co patrocinio da Deputación de Pontevedra. A publicación propón medidas para incorporar o galego á actividade empresarial, como ofrecer contratos e facturas nesta lingua, facilitar a atención bilingüe, utilizar rotulación en galego e formar o persoal.

Fonte: La Voz de Galicia

A Xunta convoca os exames Celga en liña por segunda vez co dobre de prazas que o ano pasado

A Xunta de Galicia convoca por segunda vez os exames Celga en liña, tras a primeira experiencia realizada o ano pasado e incrementando as prazas nesta edición de 100 a 200. Así o publica o Diario Oficial de Galicia que establece a data de realización das probas que certifican o dominio da lingua galega para o nivel 4 o 27 novembro.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O mundo das aves centra a nova entrega da iniciativa de divulgación en galego Proxector

Proxector, a iniciativa de divulgación científica en galego do Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, dedica a súa nova entrega ao mundo das aves e ás súas migracións. A escolma reúne doce vídeos que permiten coñecer especies, hábitats e comportamentos, con especial atención aos ecosistemas costeiros e aos espazos galegos de importancia para a conservación.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega e Alingua asinan un acordo para impulsar accións de promoción do galego

O Consello da Cultura Galega e Alingua asinaron un protocolo para desenvolver accións conxuntas de promoción e normalización do galego, desde actividades culturais ata investigación e elaboración de materiais divulgativos. Entre as primeiras actuacións figura un estudo sobre a oferta e a demanda de produtos, servizos e contidos en galego para a crianza. O proxecto partirá dun encontro con familias do programa Apego, que permitirá identificar necesidades e conectalas co tecido produtor e empresarial.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García pon en valor as actividades extraescolares “para prestixiar o uso do galego” no marco do novo Plan xeral da lingua

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou o alumnado do colexio Canosa-Rus, en Coristanco, que participou no obradoiro de xogos de mesa en galego, unha iniciativa apoiada pola Xunta “na súa aposta, xunto con outras actividades, polos centros educativos como espazos de socialización, máis alá das aulas e das horas lectivas, onde prestixiar o uso da lingua galega”, tal e como apuntou.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García participa na entrega dos Premios Xerais 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de entrega do XLIII Premio Xerais de Novela a Alberto Lema, pola obra A boca do río; do XLI Premio Merlín de Literatura Infantil a Ivana Gómez, pola obra A Banda da Albóndega e o segredo afundido de Areleira, e do XVIII Jules Verne de Literatura Xuvenil a Santiago Lopo pola obra A lingua dos grifóns, nun acto que se celebrou no Museo do Mar de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Tres encontros universitarios analizarán o futuro dos medios de comunicación en galego

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organiza tres encontros nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para analizar o presente e o futuro dos medios de comunicación en galego. As xornadas desenvolveranse os días 14, 15 e 19 de outubro e abordarán a historia do xornalismo galego, a súa contribución á normalización lingüística, o papel das mulleres nos medios e os desafíos da intelixencia artificial.

Fonte: Xornal de Lugo

RTVE comprométese a emitir programación infantil en galego na canle Clan antes de finais de ano

Radiotelevisión Española comprometeuse a incorporar programación infantil dobrada ao galego na canle Clan antes de que remate 2026. Segundo informou A Mesa pola Normalización Lingüística, entre os primeiros contidos previstos figura a serie Momonster. As emisións realizaranse mediante un sistema dual que permitirá escoller a lingua.

Fonte: La Voz de Galicia

O Concello de Pontevedra convoca unha nova edición do certame de narración oral en galego «Bótalle un conto»

Pontevedra abriu a convocatoria da quinta edición de «Bótalle un conto», un certame que busca promover a narración oral en galego e poñer en valor tanto as persoas galegofalantes como a diversidade dialectal. A iniciativa pretende ademais favorecer o intercambio interxeracional e achegarse especialmente aos institutos e ás universidades. As persoas participantes deberán presentar historias de catro minutos, das que dez pasarán a unha final aberta ao público o 12 de decembro.

Fonte: Concello de Pontevedra

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder