Galicia

A Xunta concede sete bolsas de lectorados de lingua en universidades do Brasil, Croacia, España e Portugal

A Xunta de Galicia acaba de publicar no  Diario Oficial de Galicia a resolución de sete bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en universidades do Brasil, Croacia, España e Portugal que se destinan máis de 300.000 euros, no marco do compromiso do Goberno autonómico coa proxección exterior da lingua e coa inserción no mundo laboral.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García acompaña a Inma López Silva na presentación da obra “Despois de San Castelao. Unha biografía do mesías galego”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou a escritora, filóloga e profesora Inma López Silva na presentación da obra Despois de San Castelao. Unha biografía do mesías galego, unha aproximación divulgativa e á vez crítica á figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das personalidades fundamentais da cultura e da historia política galega do século XX. Con este título, Moléculas Editorial, dirixida por Francisco Castro, inicia a súa andaina editorial cunha proposta que pretende achegar a literatura e o ensaio galegos a un público amplo, desde a esixencia e a liberdade creativa.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O acordo para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega permitirá a docencia en galego das disciplinas científicas

O PP e o PSdeG asinaron no Parlamento galego un acordo para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega, que permitirá aos centros impartir materias científicas en galego a partir do curso 2028-2029 mantendo o equilibrio lingüístico do 50 %. O pacto inclúe tamén máis financiamento para a promoción do idioma, medidas para reforzar a presenza do galego nos medios, plataformas dixitais e administracións, así como un seguimento anual do seu cumprimento.

Fonte: La Voz de Galicia

Valentín García asiste ao concerto inaugural do Festival Maré

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu ao concerto de Magalí Sare xunto ao coro de cámara compostelán Vox Stellae, inaugural do Festival de Músicas e Artes Atlánticas Maré, que programa máis de 30 concertos con artistas de dezaseis países do 23 ao 27 de setembro.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O proxecto de dinamización do galego «Aquí tamén se fala!» recibe un premio da Real Academia Galega

O IES Rafael Dieste da Coruña recibiu o II Premio Na lingua que eu falo da Real Academia Galega polo proxecto «Aquí tamén se fala!». A iniciativa, posta en marcha en 2023, emprega o galego como ferramenta de integración, participación e apertura cultural. A RAG destacou así unha experiencia que presenta a diversidade e a inmigración como elementos de enriquecemento para a lingua e a sociedade galegas.

Fonte: Real Academia Galega

O comisario do Xacobeo 2027 reivindica a importancia dos estudos xacobeos para preservar a esencia e os valores do Camiño de Santiago

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou xunto co secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, na sesión solemne da Academia Xacobea, celebrada no Mosteiro de Poio no marco das I Xornadas «Camiños pontevedreses: O roteiro do Padre Sarmiento a Santiago, rodeando o Salnés».

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Patricia Buxán, docente da Universidade de Vigo, recibe o premio Plácido Castro pola tradución ao galego dunha obra de Virginia Woolf

A docente da Universidade de Vigo Patricia Buxán recibiu o Premio de Tradución Plácido Castro pola súa versión galega de Un cuarto propio, de Virginia Woolf, publicada por Aira. O xurado recoñeceu a calidade da tradución, especialmente pola capacidade para reproducir o estilo literario da autora, a riqueza expresiva e o ritmo da obra orixinal. O galardón busca impulsar a tradución ao galego de obras relevantes da literatura universal e contribuír ao enriquecemento do sistema literario galego.

Fonte: Universidade de Vigo

Valentín García felicita a Xerardo Quintiá pola “súa contribución á creación literaria en galego” como gañador do XX Premio de Narrativa Breve Repsol

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, felicitou a Xerardo Quintiá, gañador do XX Premio Narrativa Breve Repsol, pola “súa contribución á creación literaria en galego”. Fíxoo durante o acto no que se deu a coñecer o galardoado desta edición dun certame que, apuntou, “promovemos desde a Xunta en colaboración coa Fundación Repsol desde hai 20 anos porque é unha convocatoria clave no impulso da literatura na nosa lingua”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta resolve as axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da Secretaría Xeral de Medios pola que se publican as subvencións a empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en lingua galega.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Deputación da Coruña subvenciona o proxecto “A liña do galego”

A Deputación da Coruña achegará 40.000 euros ao proxecto “A Liña do galego”, xestionado pola Mesa pola Normalización Lingüística, mediante un convenio que cubrirá o 80 % do seu orzamento. O servizo, gratuíto e operativo desde 2007, permite formular consultas, comunicar casos de discriminación lingüística e trasladar recoñecementos relacionados cos dereitos lingüísticos. Ademais, desenvolve accións de sensibilización para favorecer a presenza do galego en diferentes ámbitos sociais.

Fonte: Deputación da Coruña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder