Galicia

Preséntase o Dicionario castelán-galego en liña da Real Academia Galega

A Real Academia Galega presentou o Dicionario castelán-galego en liña (DRAGBIL), unha nova ferramenta dixital orientada á consulta e á aprendizaxe da lingua galega. O recurso incorpora unhas 26.000 entradas, máis de 55.000 acepcións e numerosos sinónimos e expresións, froito dun traballo de actualización iniciado en 2014.

Fonte: Real Academia Galega

A Xunta apoia un ano máis a Semana de Cine de Lugo, que se celebra do 21 ao 26 de setembro organizada polo grupo ‘Fonmiñá’

A cidade de Lugo acollerá do 21 ao 26 de setembro a XLVIII Semana de Cine, impulsada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. A Xunta colabora un ano máis con este encontro, no que se proxectarán 135 títulos, dos que 50 son producións galegas.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García acompaña a Alberto Alonso e a José Río na presentación da obra «Entre néboa e devoción»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou a Alberto Alonso e a José Río na presentación da obra Entre néboa e devoción, que repasa a historia da igrexa de San Pedro de Cadoalla e da súa romaría (en Becerreá, tamén coñecida como o Mosteiro do Ecce Homo), construída na época baixomedieval.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García recibe un grupo de alumnos e alumnas do Centro de Estudos Galegos de Kiel

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, recibiu un grupo de estudantes do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Kiel, de visita de estudos en Galicia, acompañados polo director do CEG, Elmar Eggert; polo lector Daniel de Toro e polo profesor Facundo Reyna.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Francisco Javier Vázquez Losada gaña o XI Concurso Balbino coa peza «A luz de quedar»

O escritor ourensán Francisco Javier Vázquez Losada faise co premio do XI Concurso Balbino de Relatos, convocado por Edicións Fervenza co apoio da Fundación Xosé Neira Vilas e da Xunta de Galicia, entroutras entidades, pola peza A luz de quedar. O xurado comunicou onte a resolución do galardón, creado na memoria de Xosé Neira Vilas, autor á que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas 2027.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Universidade de Santiago organiza cursos de galego para persoas de fóra de Galicia

O Centro de Linguas Modernas presentou a súa oferta de cursos de galego, de carácter semestral, dos niveis A2, B1 e B2 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas. Desenvolveranse nos campus de Santiago de Compostela e Lugo e están dirixidos a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García e Magín Blanco presentan o musical «A Nena e o Grilo camiño das cores»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o músico Magín Blanco presentaron o novo musical A Nena e o Grilo camiño das cores, un espectáculo de dinamización lingüística que arranca no marco do programa FalaRedes 2026 o sábado, 12 de setembro, no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo ás 18:00 h.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

“Proxector”, a iniciativa de divulgación científica en galego, dedica a súa nova entrega á xestión forestal

“Proxector”, a iniciativa de divulgación científica en galego, dedica a súa nova entrega á xestión forestal como ferramenta para previr incendios e favorecer un uso sustentable do territorio. Baixo o título “Xestión forestal. A ciencia que evita o desastre”, o especial reúne doce pezas audiovisuais sobre ciencia do lume, silvicultura, sistemas agroforestais, certificación e innovación vinculada ao monte.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Universidade de Santiago convoca un ano máis o #traduceTED 2026, o concurso de subtitulación ao galego de vídeos TED

A USC convoca a undécima edición do concurso #traduceTED, destinado a ampliar a oferta de contidos audiovisuais de divulgación científica en galego mediante a subtitulación de charlas TED. A iniciativa está aberta tanto á comunidade universitaria como a persoas adultas alleas á institución, que poderán inscribirse ata o 28 de setembro. Os mellores traballos, que deberán presentarse antes do 31 de outubro, recibirán premios de ata 300 euros.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

Preséntase en Pontevedra unha campaña para impulsar o uso do galego no comercio local

A Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra, en colaboración coa Deputación, impulsou a campaña «O galego está de moda» para reforzar o uso da lingua no comercio local. A iniciativa difundiu bolsas e chapas con mensaxes vinculadas ao galego e á compra de proximidade, co obxectivo de dar visibilidade a ambos os ámbitos. A acción tivo unha boa acollida entre a veciñanza e as persoas visitantes, que valoraron positivamente este tipo de propostas de sensibilización.

Fonte: Faro de Vigo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder