Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de xullo de 2026

    A proposta para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega inclúe case 700 medidas co fin de fomentar e prestixiar o uso do idioma en toda a sociedade. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nun acto no que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e ao que asistiron preto de 800 persoas de diferentes ámbitos.

    29 de xullo de 2026

    O Goberno de Navarra e Eusko Ikaskuntza renovaron o seu acordo de colaboración, dotado con 60.000 euros, para promoveren o éuscaro como elemento cultural e de convivencia. O convenio financiará a segunda fase dun estudo sobre a relación da poboación migrante e local coa lingua e coa cultura navarra, mediante dúas enquisas complementarias. Os resultados permitirán identificar barreiras, expectativas e oportunidades de participación, ademais de orientar futuras políticas públicas e iniciativas comunitarias de integración.

    29 de xullo de 2026

    O Goberno vasco destinou 400.000 euros a unha nova convocatoria de axudas para impulsar publicacións elaboradas integramente en éuscaro. A iniciativa procura ampliar a oferta cultural nesta lingua, facilitar o seu acceso á cidadanía e fortalecer o tecido editorial vasco. Con esta medida, o Executivo autonómico reforza a creación e difusión de contidos como vía para consolidar a presenza social do idioma.

    29 de xullo de 2026

    O Goberno catalán aprobou a Estratexia para a lingua de signos catalá 2026-2028, un plan integral dotado con máis de dous millóns de euros en 2026 e articulado en 45 medidas. O plan reforzará a atención en servizos públicos, sanidade e emerxencias, ampliará os apoios educativos e impulsará novos recursos lingüísticos, investigación e contidos dixitais. Ademais, prevé declarar o 3 de xuño Día da Lingua de Signos Catalá e avanzar na protección efectiva dos dereitos das persoas xordas e xordocegas signantes.

    29 de xullo de 2026

    Centos de persoas participaron na 32.ª Corsa Aran per sa Lengua para reclamar un maior uso social do aranés, que segue a perder presenza nas conversas cotiás. A organización recoñeceu os avances legais e educativos, mais advertiu da necesidade de reforzar a lingua nos ámbitos dixitais e na comunicación habitual.

    Fonte: Diari de la Llengua

    29 de xullo de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Fisterra na presentación da obra Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela. Estudo histórico, análise e colección de documentos, da autoría de Manuel Canosa Trillo e editado co apoio da Xunta de Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    28 de xullo de 2026

    O ministro de Xustiza de Malawi afirmou que os deputados e deputadas do país africano non poderán intervir nas linguas nacionais no parlamento mentres non se modifique a Constitución. A resposta chega tras unha proposta para permitir o uso de linguas vernáculas nos debates parlamentarios, xa que a lexislación vixente esixe o dominio do inglés para exercer como parlamentario.

    Fonte: Constitutionnet

    28 de xullo de 2026

    Unha atracción de Disneyland París inclúe por primeira vez sinalización en lingua irlandesa, coas palabras "Fáilte" (benvida) e "Slán go fóill" (até logo). A iniciativa foi posible grazas á campaña impulsada durante dous anos por un creador de contidos irlandés e supón un novo recoñecemento internacional para a lingua irlandesa.

    Fonte: RTÉ

    28 de xullo de 2026

    O Principado empregou por primeira vez o asturiano como lingua principal nunha proba selectiva para cubrir tres prazas de filoloxía no Servizo de Planificación e Normalización Lingüística. A decisión, amparada pola Lei de uso de 1998 e coherente coas funcións dos postos, suscitou críticas ao non figuraren expresamente nas bases as condicións lingüísticas do exame. O proceso abre un precedente na incorporación efectiva do coñecemento do asturiano ao acceso ao emprego público.

    28 de xullo de 2026

    O Concello de Berriozar e o Goberno de Navarra impulsarán no curso 2026-2027 unha liña de axudas destinada a reducir o custo da aprendizaxe de éuscaro. Euskarabidea asumirá a totalidade da matrícula nos niveis iniciais A1 e A2, mentres que as subvencións municipais completarán o apoio económico no resto dos casos. Como novidade, o alumnado deberá solicitar primeiro a bolsa autonómica antes de optar á achega local, cuxas condicións definitivas se publicarán en setembro.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder