Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de maio de 2010

    África é o único continente onde o ensino non se imparte na lingua local de cada país. Pola contra, son o inglés e mais o francés os principais idiomas do ensino, o que ten como consecuencia unha elevada taxa de abandonos e de fracasos escolares.

    Fonte: Les Afriques

    27 de maio de 2010

    A Rexión de Murcia segue apostando polas ensinanzas bilingües. O conselleiro de Educación, Formación e Emprego, Constantino Sotoca, confirmou que o próximo curso se duplicará o número de centros educativos de infantil e primaria que impartirá ensinanza bilingüe na rexión, de forma que un de cada dez centros será bilingüe.

    Fonte: La Verdad

    27 de maio de 2010

    O castelán é o idioma no que le habitualmente libros o 93,6% dos entrevistados. Un 5,5% le en galego e só un 0,9% le nalgún idioma estranxeiro (inglés principalmente). Son algunhas das conclusións do estudo Hábitos de lectura e compra de libros na Comunidade Autónoma de Galicia.

    Fonte: Galicia Hoxe

    27 de maio de 2010

    O Goberno foral e a Universidade de Navarra asinaron un convenio de colaboración para impulsar a formación en éuscaro dos futuros xornalistas.

    Fonte: ABC

    27 de maio de 2010

    O Servizo Vasco de Saúde-Osakidetza está estudando a posibilidade de incluír na Tarxeta Individual Sanitaria (TIS) de cada usuario a preferencia lingüística dos cidadáns, de forma que poida coñecerse así se desexa ser atendido en éuscaro ou castelán.

    Fonte: Europa Press

    27 de maio de 2010

    A Axencia Tributaria vén de poñer a disposición da cidadanía, en colaboración coa Xunta de Galicia, a versión en galego do Manual práctico do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do exercicio 2009, un recurso que ten como obxectivo facilitarlles aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias.

    Fonte: Xunta de Galicia

    26 de maio de 2010

    O portavoz de Cultura do grupo socialista nas Cortes de Castela e León, José Ignacio Martín Benito, mostrou a súa satisfacción polo acordo por unanimidade alcanzado para que a Junta de Castilla y León regule a protección, uso e promoción do leonés, en cumprimento do artigo 5.2. do Estatuto de Autonomía da comunidade.

    Fonte: Gente

    26 de maio de 2010

    O Parlamento catalán aprobou por unanimidade a lei da lingua de signos catalá, o que significa o recoñecemento desta lingua como o sistema lingüístico propio das persoas xordas e xordo-cegas de Cataluña.

    Fonte: La Vanguardia

    26 de maio de 2010

    Os centros escolares con programas de incorporación progresiva ao valenciano (PIP) verán limitada a súa opción de ampliar o uso da lingua propia a outras materias, ademais das establecidas por lei que son Lingua valenciana e Coñecemento do medio.

    Fonte: El País

    26 de maio de 2010

    O éuscaro non se emprega suficientemente na Administración vasca, pese aos "coñecementos que xa teñen adquiridos a maioría dos funcionarios". A conselleira de Xustiza e Administración Pública, Idoia Mendia, respondeu así no pleno de control do Parlamento.

    Fuente: El País

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder