Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de maio de 2010

    A lingua española é a máis utilizada na páxina electrónica da Biblioteca Dixital Mundial (BDM), segundo declarou o seu director, John Van Oudenaren, quen participou en México nun congreso internacional sobre dixitalización de códices mesoamericanos.

    Fonte: La Voz Libre

    24 de maio de 2010

    O Departamento de Educación do Goberno Vasco quere promover o ensino en tres linguas, éuscaro, castelán e un idioma estranxeiro, e para iso vai implantar o ano que vén un programa experimental con 40 centros públicos e concertados.

    Fonte: Noticias de Álava

    24 de maio de 2010

    As cidades da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo acolleron os primeiros exames de 2010 para obter o Celga, Certificado de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas.

    Fonte: Xunta de Galicia

    24 de maio de 2010

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) colaborarán na realización de diversas iniciativas de fomento do uso do galego. Farano a través do convenio asinado entre ambas as entidades, no que se prevé o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo difundir a lingua e a literatura galegas.

    Fonte: Xunta de Galicia

    21 de maio de 2010

    As webs dos medios da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCMA) incorporarán un 'widget' que avisa os usuarios que non teñen o navegador configurado en catalán e invita a facelo "de forma sinxela", no marco da campaña 'Navega en català' da Fundación PuntCat.

    Fonte: PortalTIC

    21 de maio de 2010

    O bretón Emmanuel Le Merlus fará máis de 18.000 km durante un ano co obxectivo de promover a diversidade lingüística en todo o continente, así como dar a coñecer a realidade do pobo bretón.

    Fonte: Nationalia

    21 de maio de 2010

    O 49 % da poboación otomí xa perdeu o seu idioma por procesos migratorios e de discriminación, polo que é unha lingua en perigo de extinción a pesar de ser a quinta en importancia polo seu número de falantes das 62 linguas indíxenas que sobreviven en México.

    Fonte: Diario de Querétaro

    21 de maio de 2010

    Segundo os plans do Goberno, médicos e enfermeiras estranxeiros estarán obrigados a aprobar exames de lingua antes de traballar no Sistema Nacional de Saúde británico. Esta medida acabará co escándalo de doutores estranxeiros que traballan en hospitais británicos sen demostrar os seus coñecementos de inglés.

    Fonte: Telegraph

    21 de maio de 2010

    O músico, escritor e presentador Xurxo Souto recibiu o XI Premio Leixaprén polo seu compromiso co idioma galego. Este premio é outorgado desde o ano 2000 pola Coordinadora de Equipos de Normalización de varios centros educativos da zona de Noia, Rois, Lousame, Dodro, Muros e Outes.

    Fonte: CTNL

    20 de maio de 2010

    O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o decreto do plurilingüismo no ensino non incluirá a consulta aos pais nas etapas de primaria e secundaria, aínda que prometeu que esta será posible "antes de que finalice a lexislatura", xa que o Goberno galego impulsará unha lei que "garanta" a participación dos pais na educación.

    Fonte: Europa Press

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder