A información xeral do Observatorio
Actuacións desenvoltas
O Observatorio da Lingua Galega recolle ata o momento os seguintes dez ámbitos de actuación, nos que se inclúen os subámbitos que se especifican a continuación:
Administracións públicas: Administración Xeral do Estado (Axencia Tributaria, Garda Civil, Policía Nacional e Seguridade Social), concellos, deputacións provinciais, Xunta de Galicia, Administración de Xustiza e outras entidades estatutarias
Educación: centros de ensino universitario e non universitario
Medios de comunicación: prensa impresa, radio e televisión
Economía e empresa: pemes, pequeno comercio e banca
Sanidade: hospitais, centros de saúde e farmacias
Tecido asociativo: asociacións e entidades deportivas
Sector das telecomunicacións
Cidadanía
Organismos de intermediación: notarías, despachos de avogados/as e servizos de asesoramento e xestión (xestorías, consultorías, asesorías e auditorías)
Internet: páxinas web e blogs
O traballo de campo realizado conta con dúas vertentes: unha cuantitativa, baseada na realización de enquisas, e outra cualitativa, traducida na realización de paneis de escoita:
Parte cuantitativa: as enquisas fixéronse ás diferentes organizacións que compoñen cada un dos ámbitos así como á cidadanía. No caso dos medios de comunicación, a metodoloxía foi diferente. Neste ámbito recolléronse datos da radio, a televisión e a prensa escrita relativos ao uso do galego na publicidade e na información.
Parte cualitativa: celebráronse 25 paneis de escoita (reunións informais de entre cinco e sete persoas, asistidas por un grupo de apoio) aos que asistiron un total de 148 persoas relacionadas con cada un dos ámbitos. O obxectivo foi contrastar opinións e debater sobre temas relacionados co idioma para conseguir información e valoracións sobre aspectos que non se trataron no estudo cuantitativo.
Boletín
Subscríbase ao boletín
