O Concello de Getxo abriu durante setembro a matrícula nos euskaltegis municipais para o curso 2026/2027, cunha oferta adaptada a diferentes idades, niveis e necesidades. A programación abrangue desde cursos presenciais e de autoaprendizaxe ata formación específica para familias, persoas migrantes e profesionais do comercio e da hostalaría. A campaña complétase con axudas económicas e actividades para favorecer a práctica do éuscaro fóra das aulas e ampliar a súa presenza na vida cotiá.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra, en colaboración coa Deputación, impulsou a campaña «O galego está de moda» para reforzar o uso da lingua no comercio local. A iniciativa difundiu bolsas e chapas con mensaxes vinculadas ao galego e á compra de proximidade, co obxectivo de dar visibilidade a ambos os ámbitos. A acción tivo unha boa acollida entre a veciñanza e as persoas visitantes, que valoraron positivamente este tipo de propostas de sensibilización.
O Concello de Eibar mantén aberto ata o 16 de novembro o prazo para solicitar axudas destinadas a incrementar a presenza do éuscaro na imaxe dos establecementos comerciais e industriais e das sedes asociativas. As subvencións financiarán a instalación de rótulos, inscricións e elementos de identidade corporativa en éuscaro ou en formato bilingüe. Poderán acollerse os gastos realizados entre o 16 de novembro de 2025 e o 14 de novembro de 2026.
O FC Barcelona e a súa Fundación lanzaron a campaña «Parla blaugrana, parla català» para promover o uso do catalán e reivindicalo como elemento de identidade, integración e cohesión social. A iniciativa inclúe vídeos nos que futbolistas dos primeiros equipos masculino e feminino comparten a súa relación coa lingua e a súa aprendizaxe. A campaña pon tamén en valor a diversidade lingüística dos vestiarios e anima a incorporar o catalán á vida cotiá.
A canle pública galesa S4C nomeou Catrin Cooper como responsable de cinema e Dafydd Llewelyn como responsable de ficción, dous novos cargos destinados a reforzar a súa aposta pola produción audiovisual en lingua galesa.
Fonte: Screen Daily
As prazas dos cursos presenciais de catalán dos niveis A1 e A2 en Andorra esgotáronse poucas horas despois de abrirse o prazo de inscrición, repetindo a elevada demanda das últimas convocatorias. O interese por aprender catalán aumentou tras a entrada en vigor da Lei da lingua propia e oficial, que establece requisitos de coñecemento do idioma para renovar o permiso de residencia.
Fonte: Diari de la Llengua
Os programas de actividades destes catro concellos desenvolveranse a partir do mes de setembro no marco do proxecto Apego, iniciativa de dinamización lingüística dirixida a familias con nenos/as de 0-6 anos. No caso de Carballo, inclúense tamén actividades para público infantil de 6 a 12 anos.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O Concello de Vitoria-Gasteiz ofrecerá 732 prazas para aprender éuscaro, dirixidas a familias, persoas maiores de 55 anos, poboación de orixe estranxeira e profesionais do comercio e da hostalería. A oferta compleméntase con axudas municipais por 150.000 euros e cunha achega de 100.000 euros da Deputación Foral de Áraba para abaratar as matrículas das persoas adultas. O obxectivo é facilitar o acceso á lingua e ampliar o seu uso en distintos ámbitos da vida cotiá.
Os Premios Bacelos de Prata 2026 distinguiron a Granxa Arqueixal, de Palas de Rei, e Adegas e Viñedos Lareu, de Chantada, polo seu compromiso coa calidade agroalimentaria, o territorio e o uso do galego. En ambos os casos, a lingua galega forma parte habitual da súa comunicación, da etiquetaxe e da relación coa clientela.
Fonte: Galeguizar Galicia
O Festival de Cine Fantástico Lóstrego acolleu na Coruña a estrea da versión en galego de Harry Potter e a pedra filosofal, que incorpora unha adaptación integral da pista sonora e novas voces para os personaxes. A dobraxe, recibida favorablemente polo público, nace dun acordo entre a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e Warner Bros. Discovery. O filme estará dispoñible proximamente en galego nas plataformas de streaming da distribuidora.
Boletín
Subscríbase ao boletín



